Uns 250 remeiros disputarán o “XVIII Trofeo Internacional Cidade de Ferrol de Iolas”
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o “XVIII Trofeo Internacional Cidade de Ferrol de Iolas”, que se celebrará este domingo, día 21, a partir das 09:00 horas na enseada do Castelo de San Felipe. A edil estivo acompañada polo presidente do Club de Remo San Felipe, Daniel Rodríguez Rodríguez, entidade organizadora do evento deportivo en colaboración co Concello de Ferrol.
Na competición participarán 15 clubs procedentes de Portugal, Navarra, Asturias, País Vasco, Valencia e Galicia cun total de 47 embarcacións e 250 remeiros e remeiras. Martínez Galdós sinalou que “a competición coincidirá co campionato galega de dita modalidade”, ao tempo que subliñou que se trata dun evento “plenamente consolidado no calendario deportivo da cidade que cada nova edición gaña en prestixio e nivel dos deportistas participantes”. Así mesmo, a concelleira responsable das políticas deportivas agradeceu ao Club de Remo San Felipe “tanto a organización do evento como o traballo que realiza ao longo de todo o ano”.











