Uns 100 corredores participarán no I Trail Costa Artabra
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe o I Trail Costa Artabra que se celebrará o vindeiro domingo, día 7 de setembro, a partir das 10:00 horas e terá como lugar de saída o cámping de Covas. A edil ferrolá estivo acompañada polo presidente do Club de Montaña Ferrol, Xan Ramírez, entidade deportiva organizadora do evento xunto coa Federación Galega de Montaña. A carreira conta co patrocinio do Concello de Ferrol.
Martínez Galdós sinalou que o montañismo sufriu un gran cambio e se encheu de especialidades como bicicleta, carreira, piragüa, etc. “Unha delas é o trail que consiste nunha carreira de montaña, pero con fortes desniveis e terreos técnicos”, engadiu a concelleira. Así mesmo, felicitou ao Club de Montaña Ferrol pola iniciativa “e sobre todo pola labor que realiza ao longo do ano”.
Pola súa parte, o presidente do club, Xan Ramírez, explicou que esta carreira de montaña se enmarca dentro do circuíto galego. O I Trail Costa Artabra terá dous percorridos, un de 35 quilómetros cun desnivel de 1.500 metros e outro de 19 quilómetros con 550 metros de desnivel. Preto de 100 corredores xa están anotados e a inscrición pode ser formalizada ata mañá mércores na páxina web: www.championchipnorte.com.











