Unhas 2.700 persoas visitaron o Castelo da Concepción de Cedeira durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Un total de 2.696 persoas visitaron o Castelo da Concepción entre o 17 de xullo e o 30 de agosto, tempo no que o Concello abría as portas da fortificación para disfrute de veciños e visitantes. Unhas cifras moi positivas para a Administración local, que sinala que a maior afluencia de visitantes se rexistrou no mes de agosto, cando accederon ás instalacións 1.998 persoas. En total, a Concellería de Turismo levou a cabo 77 visitas guiadas nas que os participantes puideron coñecer de preto a historia do Castelo e de forma gratuíta. O Castelo da Concepción ubícase na zona portuaria.

É unha obra militar de carácter defensivo que, alzada sobre un promontorio, data do ano 1747. Foi construído en parte dun territorio que algún día foi castro e, deste primitivo asentamento, son aínda ben visibles dous amplos fosos. A súa construcción nace da necesidade que Cedeira, vila e porto marítimo a un tempo, tiña de defenderse de posibles atacantes que chegaban por mar. Os planos antigos que se custodian a día de hoxe nos arquivos militares permiten saber o destino que se lle deu a cada unha das dependencias das que consta o edificio: cociña, cuarto para o oficial, cuartel de guarnición, cuarto para equipamento de artillería e sala de pólvora. Conta tamén con garita para o centinela e troneiras para asomar os cañóns que aínda hoxe en día se conservan. Os visitantes tamén poden coñecer a súa historia a través do centro de interpretación que alberga no seu interior.

Oficina Municipal de Turismo

Así mesmo, dende a Oficina Municipal de Turismo deuse conta do balance de consultas recibidas nas instalación no último mes de agosto. Así, no seu conxunto, 3.696 persoas solicitaron información ou realizaron algún tipo de consulta nese intervalo. Na súa maioría, procedentes de diferentes puntos de España e, entre estes, principalmente Madrid e Cataluña. Neste senso, o Concello lembra que a Oficina de Turismo permanece aberta durante todo o ano, de luns a sábado, aínda que amplía días e horarios de apertura tanto na época estival como noutros periodos vacacionais como a Semana Santa.

5 de setembro de 2014 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.