Unha vintena de voluntarios en táboas de paddle-surf limpan o Miño ó seu paso pola capital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
Limpeza do río Miño

Limpeza do río Miño

Máis de 20 voluntarios participaron hoxe en Móllate e Colle3, iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo que serviu para acondicionar o río Miño ó seu paso pola cidade e gozar dunha actividade ó aire libre. Durante a xornada, os voluntarios limparon as augas e as marxes do río montados en táboas de paddle-surf, o que serviu para concienciar ós lucenses dos danos que producen os residuos plásticos no medio ambiente ofrecéndolles, ademais, pautas para reciclar e reutilizar este material.

A actividade deu comezo ás 11:00 horas, no Caneiro da Tolda, en Lugo, coa pequena charla que impartiu o experto medioambiental Óscar García sobre os danos que os residuos plásticos producen no medioambiente e que pautas pódense seguir para reducir a cantidade de plásticos que se emprega no día a día. De seguido, os encargados da actividade prepararon diferentes xogos por equipos no río e nas súas marxes cos que os voluntarios, montados nas táboas colaboraron na limpeza das augas fluviais.

Ó remate da xornada fíxose balance do resultado da recollida, e Óscar García explicou as diferentes tipoloxías de plástico; o tempo que tarda cada unha delas en degradarse e cales son as súas orixes. Os participantes gozaron deste xeito dunha xornada lúdica diferente, colaborando nas labores de acondicionamento do río, elemento primordial na riqueza natural da provincia.

A través desta actividade, a Deputación fomenta entre os lucenses o coidado e respecto pola natureza, contribuíndo a reducir notablemente a cantidade de plástico que se atopa nos montes e ríos. A iniciativa deseñouse coma un xogo para que os participantes aprendan dun xeito ameno e incorporen á súa rutina habitual, fomentando a reciclaxe e a recollida de calquera tipo de  residuos.

13 de setembro de 2014 | 20:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.