Unha vintena de touroperadores internacionais visitarán Ferrol para coñecer os seus recursos turísticos
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, participa entre os días 4 e 7 de outubro nunha bolsa de contratación turística organizada pola Feira Internacional de Galicia. Preto de vinte touroperadores realizarán un viaxe de familiarización a Ferrol e manterán mesas de negocio con maioristas turísticos de toda Galicia, o que lles permitirá mostrar as súas propostas aos participantes nesta iniciativa.
Segundo explicou a edil de Turismo, está previsto que o día 5 realicen un paseo en lancha pola ría e que visiten o Arsenal Militar e as praias do litoral ferrolán “co obxectivo de que os touroperadores coñezan o noso municipio”, engadiu . Así mesmo, os días 6 e 7 de outubro terán lugar as mesas de negocios no Parador de Turismo de Ferrol. García Fraga destacou a importancia desta bolsa de contratación para o sector turístico “pola oportunidade de mostrar as propostas turísticas que atesoura Ferrol a tódolos touroperadores internacionais participantes, as cales serán trasladadas por estes aos potenciais viaxeiros dos seus países”. Neste senso, resaltou o seu carácter de promoción internacional para a Marca Ferrol así como a repercusión económica que supón para a cidade “pola estancia tanto dos maioristas como dos touroperadores durante varios días”.
A concelleira de Turismo tamén sinalou que o planeamento da Feira Internacional de Galicia é que esta bolsa de contratación turística internacional Turexpo Galicia sexa itinerante e que se celebre en cada edición, que terá lugar cada dous anos, nunha cidade galega distinta. Ademais, a edil María del Carmen García recalcou que “Ferrol aposta por celebrar este encontro e será a cidade pioneira en acoller este formato itinerante”.











