Unha campaña conxunta de Concello, Urbaser e Ecovidro facilitará a reciclaxe dos envases de vidro entre os hostaleiros de Carballo
O Concello de Carballo, Urbaser e Ecovidro colaboran nunha nova campaña para facilitar a recollida e reciclado dos residuos de envases de vidro en locais hostaleiros da localidade. A iniciativa foi posta en marcha grazas á colaboración das Concellarías de Obras e Servizos, que dirixe Luís Lamas, e de Medio Ambiente, que dirixe Marcos Trigo, en coordinación co responsable de Urbaser en Carballo, e de Germán Fernández Freire, Xerente de zona de Ecovidro en Galicia. Dita campaña arrincou xa en probas o pasado mes de agosto, tras un traballo de campo previo realizándose enquisas a preto de 70 establecementos, co obxectivo de informar desta iniciativa e detectar as necesidades dos hostaleiros para facilitarlles a reciclaxe dos envases de vidro.
Fíxose entrega aos locais participantes na campaña que previamente o solicitaron dun cubo con rodas de gran capacidade para o traslado dos residuos de envases de vidro ata o colector adaptado ao sistema. En total, entregaranse preto de 55 cubos con rodas e serán instalados 10 colectores tipo VACRI (Volteo para a Asistencia de Colectores Rodantes Individuais). Estes últimos foron adecuados cunha boca ancha e un sistema de elevación hidráulica para facilitar o baleirado do cubo cos residuos de envases de vidro froito da actividade hostaleira. Os colectores de vidro situados nas rúas, serven para recoller unicamente os envases: botellas, tarros e frascos que se consomen no sector e nos fogares. Mais hai que ter precaución, xa que hai outros materiais, como poden ser a cerámica ou outros tipos de vidro (pratos, vasos, cristais de xanelas, etc.), que ao ter unha composición distinta á do vidro dos envases, deben ser depositados no Punto Limpo.
Esta campaña tamén servirá para seguir elevando e mellorando os quilogramos de residuos de envases de vidro depositados nos colectores da localidade. Segundo os últimos datos dispoñibles, os veciños de Carballo reciclaron un total de 504.320 quilogramos de vidro en 2013, o que supón que cada cidadán reciclou máis de 16 quilogramos de vidro por persoa durante o pasado ano, cifra moi superior á media galega fixada en 13,8 kgs/hab. Hai que lembrar que Ecovidro é unha asociación sen ánimo de lucro que se encárga de xestionar a recollida selectiva de envases de vidro mediante a instalación de colectores para facilitar a colaboración cidadá e garantindo a súa reciclaxe. Ademais, realiza campañas de sensibilización cidadá e promove a prevención estimulando a redución do volume dos residuos que se xeran. Lembramos que o 100% do vidro depositado nos colectores recíclase e é usado para fabricar novos envases de vidro, logrando numerosos beneficios ambientais.











