publicidade hoxe

Unha achega da Xunta por valor de 105.000 euros permitirá rehabilitar a praza de abastos da Pobra do Caramiñal

Belén do Campo na visita á praza

Belén do Campo na visita á praza

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá a praza de abastos da Pobra do Caramiñal, onde presentou o proxecto de mellora ao se someterán as instalacións, que o Goberno galego cofinanciará co concello cunha achega de 104.821 euros, é dicir, o 75% do total.

Segundo indicou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, Isaac Maceiras, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, subvenciona esta actuación, que consistirá na rehabilitación integral do edificio, co fin de colaborar cos concellos na mellora competitiva dos mercados municipais e do comercio de proximidade, neste caso da Pobra do Caramiñal. As obras, que comezarán mañá, incluirán o pintado do interior, a instalación de equipos de conservación do produto fresco, a mellora da iluminación, a reparación dos mostradores e da carpintería do inmoble, a renovación do mobiliario danado e a instalación de paneis informativos, entre outras accións. O prazo de execución é de tres meses.

O programa impulsado polo departamento autonómico enmárcase dentro da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Xunta como unha das claves para a reactivación da economía das vilas galegas e reforza a colaboración do Executivo autonómico cos concellos nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade ao comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.

Nas comarcas do Barbanza e de Noia recibirán estas achegas catro concellos A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Boiro e Noia, que en total contarán con axudas por importe de case 219.000 euros.

18 de setembro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.