Un total de 355 cativos almorzan e comen nos centros educativos de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta hoxe do listado provisional de beneficiarios das becas de comedor escolar e axudas á escolarización para o curso 2014-2015. Este foi un dos temas abordados esta mañá na comisión informativa da Área. A edil ferrolá explicou que despois da publicación do listado provisional “están actualmente en período de reclamación e posiblemente a vindeira semana se fará pública a listaxe definitiva de beneficiarios”.

Martínez Beceiro facilitou os datos provisionais destas achegas municipais para a infancia durante o curso académico 2014-2015. En canto ás becas de comedor escolar, o número de concedidas ascende a 355 -221 para matriculados en centros públicos e 134 en concertados-. Neste senso, a edil de Benestar puntualizou que esta cifra será superior cando se abra o novo comedor escolar do CEIP de Ponzos, para o que se habilitará un prazo específico para poder solicitar a beca.

O feito de que 355 escolares da cidade sexan beneficiarios das becas de comedor neste inicio de curso supón un aumento de 21 estudantes máis con respecto ao primeiro trimestre do curso pasado. Martínez Beceiro resaltou o aumento orzamentario das axudas para que os menores poidan almorzar e comer gratis nos comedores escolares. Así, os datos do Presuposto Xeral do Concello de Ferrol sinalan que o destinado neste inicio de curso ás becas de comedor escolar ascende a un total de 112.945 euros, cantidade que duplica o que se investiu no primeiro trimestre do curso 2010-2011 co último orzamento do anterior mandato.

Axudas á escolarización

Por outra banda, o listado provisional de axudas á escolarización para o presente curso académico apunta que foron concedidas un total de 721 axudas -458 para matriculados en centros públicos e 263 en concertados- En canto á comparativa dos listados provisionais o curso pasado, foron 658 axudas concedidas. A edil de Benestar Social tamén apuntou que o investimento nestas axudas ao inicio do curso escolar ascende a 75.050 euros, o que supón un aumento moi considerable en comparación co último presuposto do mandato anterior para estas axudas –o correspondente co curso escolar 2010-2011- en que o montante quedouse en 45.440 euros.

Por último, Martínez Beceiro reiterou o compromiso do Goberno Municipal co gasto social, lembrando que as becas de comedor e as axudas á escolarización non teñen lista de espera nin teito de gasto. Así as cousas, a previsión da titular da área de Benestar Social é que o investimento nestes dous programas supere os 263.000 euros ao que se chegou no curso pasado. A edil Rosa Martínez Beceiro ratificou hoxe que “a prioridade deste Goberno Municipal son as familias, e por iso, seguimos eliminado o teito de gasto para estes programas”.

25 de setembro de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.