Un total de 220 rapaces comezaron a escola en San Sadurniño
Día de arranque do curso 2014-15. Hoxe foi un día suave: o reencontro cos compañeiros e cos mestres duns fai contraste coa incertidume -e algún choro tamén- de quen ve a escola por primeira vez. O alumnado de infantil e primaria de San Sadurniño empeza as clases nun día en que se mantén a incógnita sobre como se vai solucionar a masificación da aula de 5º de infantil, onde conviven 26 cativos e as súas mestras en tan só 40 metros cadrados.
O pleno municipal aprobou o sábado pasado unha moción na que se insta á Xunta a que lle busque unha saída ao problema. Os pais e nais consideran que unha das vías sería desdobrar o curso en dúas aulas contratando unha mestra ou mestre a maiores, de maneira que os cativiños seguisen este curso en dúas clases, igual que cando empezaron en 2013.
Por outra banda cómpre ter en conta que a propia Consellería de Educación establece unha ratio máxima de 25 nenos e nenas por aula, aínda que cunha marxe de ata un 10 por cento. É dicir, segundo os parámetros da Xunta, nun mesmo espazo pode haber ata 27-28 cativos. Desde o centro sinálase que, en consecuencia, a posibilidade de desdobrar o curso en dúas aulas mantendo os grupos que comezaron o ano pasado -5º de infantil veñen sendo os parvuliños de segundo ano- é algo que a Consellería non parece estar considerando nestes momentos, tendo en conta ademais que os concursos de traslados para o profesorado están xa pechados.
Porén, ademais da ratio, a comunidade escolar e o propio Concello fundamentan as reclamacións na cuestión do espazo. Son 26 nenos e nenas entre os que hai un caso que precisa unha atención especial compartindo só 40 metros cadrados. Dito doutra forma, a cada neno e nena tócanlle 1.5 metros da aula en vez dos 2 metros cadrados que marca a propia normativa autonómica. O espazo dispoñible aínda é menor se temos en conta que na clase hai mesas, mobiliario auxiliar, libros e xoguetes.
Para corrixir o problema da masificación da aula parece que só quedaría como opción inmediata facer obras de ampliación. Segundo os responsables do centro educativo e as nais e pais afectados, esta posibilidade xa se lle expuxo á Consellería antes do verán. Segundo parece o departamento dirixido por Xesús Vázquez tería aceptado daquela a proposta que, sen embargo, non se levou aínda a cabo.
Desta maneira daríaselle máis espazo físico á clase que, malia todo, seguiría mantendo unha única mestra titular e outra de apoio en vez de contar con dúas -ou dous- docentes en dúas aulas separadas tal e como defenden o Concello e a comunidade escolar. Desde o goberno local cualifícase a solución da ampliación como “un parche” e lémbrase o acordo plenario adoptado o sábado pasado no que se insta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria a analizar a evolución do CPI de San Sadurniño “e acatar a normativa vixente así como a planificación no ámbito demográfico que a propia Xunta vén de aprobar no Plan de dinamización demográfica de Galicia”. O pleno municipal pediu, ademais, que a consellería proporcione tanto medios como solucións para que o centro “poida acoller a demanda de escolarización infantil existente na actualidade e a posible demanda que poida haber nos vindeiros anos”.
En San Sadurniño comezaron este mércores as clases un total de 219 nenos e nenas, 20 máis que o ano pasado. O luns fará o propio o alumnado de secundaria, onde houbo 109 matrículas.











