Un total de 19 concellos de Ourense desenvolveron actividades sostibles co Plan Particip@
A Deputación de Ourense programou este verán actividades sostibles para difundir boas prácticas medioambientais en 19 concellos da provincia de Ourense, que foron os que participaron na campaña enmarcada no Plan Particip@, unha iniciativa pioneira en Galicia que lidera a Deputación de Ourense, e que ten como obxectivo o desenvolvemento sostible dos concellos e a difusión entre a cidadanía de iniciativas que melloren o medio ambiente, aforren auga e enerxía e permitan a correcta xestión dos residuos.
A “Rede de Municipios Ourensáns cara á Sostibilidade” está integrada, nesta primeira etapa que abrangue ata o ano 2015, polos concellos de A Bola, A Gudiña, A Merca, Baltar, Cartelle, Celanova, Gomesende, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Verea, e a ela poderanse acoller a partir de 2015 todos os municipios da provincia que avoguen polo desenvolvemento sostible e por unha xestión local máis transparente.
Entre los meses de xuño, xullo e agosto leváronse a cabo diferentes accións de sensibilización medioambiental cos veciños de 19 concellos adscritos á Rede de Municipios Ourensáns pola Sostibilidade, coa participación de estudantes universitarios en prácticas que visitaron estes concellos. As actividades consistiron nun stand con actividades formativas, informativas e obradoiros no que se explicaron medidas domésticas de desenvolvemento sostible, déronse a coñecer os espazos naturais da provincia e propuxéronse medidas para a súa conservación.
Todos os participantes recibiron material de promoción de boas prácticas medioambientais e realizáronse enquisas sobre os temas que máis interesan á poboación nesta materia.
A finalidade deste proxecto é crear “conciencia ambiental” na cidadanía. Neste senso, a rede, coordinada dende o Departamento de Medio Ambiente da Deputación de Ourense está a promover tamén un estudo de aforro enerxético; a integración de alumnos universitarios para que realicen prácticas dentro dos proxectos da rede, e campañas de sensibilización e divulgación para cidadáns co obxectivo de implicar a participación social nas prácticas sostibles.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que hai que apostar por unha “economía verde” e para elo é necesario “desenvolver iniciativas que fagan máis eficientes o uso dos recursos medioambientais nos nosos concellos”. Baltar destaca que a Deputación de Ourense lidera unha iniciativa medioambiental “en rede” a prol do desenvolvemento sostible dos concellos, “por medio da cooperación e do consenso político e social, o que permitirá abordar os problemas do medio ambiente de maneira conxunta e con máis eficiencia e aforro, pensando no benestar dos cidadáns do presente e do futuro”.
Ao longo de 2014 estanse a realizar accións dirixidas a implicar aos diferentes grupos sociais, entidades e estamentos públicos no desenvolvemento sostible local, e outras orientadas á optimización e mellora da xestión pública. Os principais obxectivos son o aforro municipal e o achegamento da poboación á xestión pública a través do intercambio de información e experiencias, propiciando así, un espazo para a reflexión e o diálogo aberto entre representantes da administración, técnicos e cidadáns da provincia de Ourense no ámbito da sostibilidade.











