Un total de 120 xóvenes participarán na Coruña nunha nova edición do plan de Emprego ‘Posto a Posto’
Un total de 120 desempregados coruñeses participarán, a partir do próximo mes de outubro, no programa Posto a Posto, un plan de emprego impulsado polo Concello, a través da área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, en colaboración coa Xunta de Galicia, e que en edicións anteriores logrou insercións laborais superiores ao 50%.
As persoas que formarán parte do programa 2014-2015 foron seleccionadas tras entrevistar aos máis de 220 candidatos enviados polas oficinas de Emprego e que respondían ao seguinte perfil: menores de 30 anos, pertencentes ao municipio da Coruña e con escasa formación académica (o 41% carecen de estudos básicos). O 65% dos seleccionados son perceptores dalgún tipo de prestación.
Durante o plan de formación, cunha duración de 12 meses, os alumnos disporán dun orientador laboral e deseñaranse itinerarios personalizados realizados á carta en función das súas características profesionais e persoais co obxectivo de alcanzar a súa inserción laboral. Os participantes recibirán orientación, información, asesoramento laboral e terán a posibilidade de realizar prácticas en empresas que colaboran co programa Posto a Posto e que permiten que os alumnos poñan en valor a formación adquirida durante as clases teóricas, que inclúe unha media de 120 horas e 50 prácticas dependendo do curso en cuestión.
Hostalaría, Loxística, Administración, Comercio e Telemarketing son os sectores onde os alumnos recibirán formación cualificada en ramas como auxiliar de servizo de restaurante e bar, manipulador de alimentos, xestión de stocks e almacén ou atención ao cliente.
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, explica que o programa Posto a Posto foi deseñado para cubrir a brecha que supón a falta de formación e de experiencia laboral: “Son cursos de longa duración deseñados sempre en función dos nichos de empregabilidade e dirixidos a persoas con especiais dificultades de inserción”. A concelleira tamén destaca a importancia da colaboración institucional para pór en marcha programas deste tipo eficaces contra o desemprego.
O programa Posto a Posto conta este ano cun orzamento de 240.000 euros. O 78% dos fondos achégaos a Xunta e o 22% o Concello. Durante o pasado ano, a Concellaría de Emprego impartiu máis dun centenar de cursos e talleres gratuítos dos que se beneficiaron case 2.000 persoas.











