publicidade hoxe

Un proxecto de cooperación co norte de Portugal impulsará a creación e o desenvolvemento de empresas TIC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Javier Aguilera durante a presentación

Javier Aguilera durante a presentación

O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na cidade portuguesa de Braga na presentación do proxecto de cooperación transfronteiriza ACEint, que ten como obxectivo impulsar a creación, o desenvolvemento e a internacionalización de empresas TIC, co obxectivo de que actúen como catalizadores da competitividade na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Neste sentido, Aguilera destacou a importancia das empresas baseadas nas novas tecnoloxías para acelerar a recuperación e rexeneración do tecido empresarial, achegando instrumentos e servizos de alto valor engadido a compañías doutros sectores de actividade.

O proxecto ACEint, no que cooperan xunto co Igape a Universidade de Santiago e a axencia de desenvolvemento portuguesa BICMiño, proponse favorecer a creación, o desenvolvemento e a internacionalización de empresas centradas nas novas tecnoloxías da información e as comunicacións. Está financiado polo Feder ao amparo do Programa de Cooperacións Transfronteiriza España-Portugal.

Entre outras accións, prevese habilitar estruturas conxuntas de servizos e recursos que inclúen un sistema de vixilancia competitiva para detectar novas oportunidades de negocio TIC e instrumentos para acelerar o desenvolvemento e a internacionalización de empresas deste sector na eurorrexión.

O Igape colabora no proxecto ACEint como parte do seu labor de apoio en todas as actividades que contribúan a mellorar o sistema produtivo de Galicia, facilitando os procesos de creación, consolidación e crecemento empresarial. O Instituto impulsará así o espírito emprendedor e a creación e a internacionalización de empresas TIC, así como a cooperación entre elas para acelerar o seu desenvolvemento e proxección exterior. No marco do proxecto ACEint, o Igape asumirá o liderado das actividades centradas na localización de oportunidades para novos negocios TIC.

O Igape participa tamén, xunto co Inega, no proxecto transfronteirizo ENTIC, que ten como obxectivos favorecer o desenvolvemento e a incorporación ás pemes de medidas de eficiencia enerxética e solucións e ferramentas TIC que lles permitan reducir os consumos e os custos enerxéticos, como tamén as emisións contaminantes, así como estimular novas oportunidades de negocio e de emprego neste ámbito de actividade. O socios deste proxecto facilitan a empresas e profesionais servizos e instrumentos de formación, diagnóstico e asesoramento para implantar estas medidas de eficiencia e diversificación enerxética.

17 de setembro de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.