Un obradoiro especializado no eido sociosanitario ofrece formación e posto de traballo a 20 persoas de Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal Portada
A-
A+

O novo obradoiro do concello de Cambre está a ofrecer actualmente formación teórico e práctica de calidade e un posto de traballo a un total de 20 persoas desempregadas. A iniciativa, financiada pola consellería de Traballo e Benestar con 175.000 euros, especialízase na atención sociosanitaria a persoas dependentes.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe este proxecto, que dá continuidade ao obradoiro que tivo lugar entre 2013 e 2014, e que contou con 22 alumnos e un orzamento de 220.000 euros.

Segundo puxo en valor Mato, estas iniciativas mixtas de formación e emprego ofrecen diversas vantaxes. Unha das principais é que permiten acceder a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen unha formación teórica e práctica de calidade, que permite a obtención dun certificado de profesionalidade a nivel nacional.

Neste caso en concreto, a especialidade do obradoiro de Cambre supón “un importante xacemento de emprego de presente e de futuro”. Segundo os datos de inserción laboral máis recentes, en cursos de atención sociosanitaria acádese o 52 por cento de inserción, unha das taxas máis altas.

Ademais, os obradoiros van aparellados á realización de actuacións en beneficio da comunidades. No obradoiro de Cambre, os alumnos van adquirir experiencia profesional en “prestixiosas entidades sociais” da área metropolitana como Padre Rubinos, ASPACE, o centro Pai Menni de Betanzos, ou a residencia de maiores García Hermanos de Betanzos.

A conselleira fixo tamén especial fincapé en que os obradoiros abren “importantes espazos de colaboración” entre a administración autonómica e a local. Ao respecto, sinalou que a comunicación co concello de Cambre “é estreita e fluída”, como o demostran os case 400.000 euros que se teñen investido desde o ano pasado nos dous obradoiros.

E como o demostra a tamén a construción dunha nova escola infantil na localidade, en virtude do convenio entre este departamento autonómico e a Fundación Amancio Ortega. Esta instalación incorporarase á rede autonómica A Galiña Azul e permitirá dobrar as prazas públicas de educación infantil dispoñibles en Cambre.

Obradoiros en Galicia

Actualmente, hai en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contan cun investimento de 10,2 millóns de euros e que están a beneficiar a 1.300 galegos e galegas.

Na provincia da Coruña, estanse a financiar 15 obradoiros, que chegan a un total de 32 concellos, contan con 315 alumnos, e supoñen un investimento de 2,8 millóns de euros.

16 de setembro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.