Un motorista foi detido en Vigo por conducir baixo os efectos do alcol
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, A.R.G., de 32 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao conducir unha motocicleta de forma temeraria e baixo os efectos do alcol.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste xoves, cando unha patrulla que se atopaba pola zona de O Calvario observou unha motocicleta Kawasaki ocupada por dúas persoas. Ao decatarse da presenza dos axentes, o condutor acelerou bruscamente e emprendeu a fuxida.
O coche patrulla saíu tras a moto, que se pasou varios semáforos en vermello en Jenaro de la Fuente, Aragón e Avenida do Aeroporto, invadindo o carril contrario e obrigando a algúns vehículos a apartarse para evitar a colisión.
Tras perder de vista a motocicleta, a Policía recibiu unha chamada de que fora vista na zona de Cambeses, polo que se estableceu un dispositivo para localizala. Pouco despois, púidose interceptar ao motorista e o seu acompañante na rampla de acceso dun garaxe nun edificio da rúa Aragón.
Os axentes que se desprazaron ao lugar recoñeceron ao condutor da moto, que aínda levaba o casco protector na man. Ao apreciarse signos de que podería estar bebido, os axentes realizaron a proba de alcoholemia, que deu un resultado positivo, ao superar o límite permitido, polo que foi detido. Ademais, a Policía atopou, ao rexistrar a motocicleta, unha bolsa cunha pequena cantidade dun po branco, que foi intervida.











