Un grupo de xóvenes con discapacidade cerebral de Vigo interpretan una obra de teatro con ‘Iniciativa Xove’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presenciou hoxe en Vigo a obra de teatro ‘A Comedia da arte’, protagonizada por mozos e mozas con discapacidade cerebral. Esta obra forma parte do proxecto ‘Actúa!’ do grupo informal Ruela, que conta con financiamento do programa de educación non formal Iniciativa Xove da Consellería de Traballo e Benestar.

O grupo Ruela está formado por un grupo de mozos galegos que comparten a mesma inquedanza: o gusto polo teatro e a vontade de integrar socialmente a colectivos con dificultades de socialización. Por iso decidiron crear o proxecto ‘Actúa!’, unha iniciativa que ten como obxectivo traballar o autoestima de persoas con enfermidade mental a través do teatro terapéutico e a equinoterapia.

A proposta vai dirixida a persoas diagnosticadas cun trastorno mental e as actividades realízanse tres días á semana (martes e xoves teatro, e sábados equinoterapia) en sesións de dúas horas e media cada unha, sumando un total de 20 sesións de teatro terapéutico e 6 de equinoterapia. As primeiras teñen lugar no Colexio Compañía de María de Vigo e as segundas realízanse no Centro Hípico A Muralla da cidade olívica.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado indicou que “se trata dun proxecto que axuda a aumentar o autoestima, a confianza, a autonomía e as habilidades sociais dos seus participantes”. Ademais, os familiares e coidadores poden disfrutar dun tempo de respiro mentres os participantes acudan ás sesións.

A Consellería de Traballo e Benestar financia este ano con máis de 500.000 euros, a través do programa Iniciativa Xove, un total de 140 proxectos de educación non formal que desenvolven preto de 700 mozos e mozas pertencentes a grupos informais, así como asociacións e entidades xuvenís.

Rodeiro lembrou que Iniciativa Xove “permite aos mozos e mozas demostrar a capacidade de organizar os seus propios proxectos, ao tempo que estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil”. Por iso, a Consellería de Traballo e Benestar leva investido nesta actuación desde a súa posta en marcha en 2010 máis de 3,1 millóns de euros, o que ten posibilitado o desenvolvemento de máis de 850 proxectos promovidos por 4.200 mozos e mozas.

Este programa conta con programas vinculados co emprendemento e a empregabilidade, que están agrupados baixo o epígrafe de ‘Iniciativa Xove emprendedora’. Tamén destacan iniciativas dirixidas a favorecer a integración de colectivos con diversidade funcional ou en risco de exclusión social; a creatividade; o coñecemento e o respecto do contorno natural, a intervención ambiental e o fomento dos bos hábitos neste eido; a rehabilitación e renovación de espazos degradados; e os relacionados coas novas tecnoloxías.

Iniciativa Xove é un dos exemplos da renovación das políticas de Xuventude da Xunta de Galicia, xa na actualidade a maior parte dos programas desta área xiran en torno a xestionar actuacións baseadas na adquisición de novas competencias, a través da educación non formal.

1 de setembro de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.