Un grupo de 16 persoas do tecido asociativo de Ferrol inician unha acción formativa sobre a crise de relevo xeracional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Participación Cidadá, que dirixe Martina Aneiros Barros, organiza unha actividade formativa dirixida ao tecido asociativo da cidade para tratar temas que afectan a dito movemento con especial incidencia na crise de relevo xeracional e a falta de dinamismo societario. Un total de 16 persoas pertencentes ao tecido veciñal, cultural, deportivo e social de Ferrol iniciarán mañá a formación na Sala de Comisións do Pazo Municipal, en horario de 19:30 a 21:00 horas. Durante a sesión, os asistentes abordarán o primeiro módulo da formación que se centra nos elementos básicos da organización.

Este curso se estrutura nun total de catro módulos que inclúen elementos básicos da organización, incorporación de novos socios/as, relevo e dinamismo nos cargos directivos, e conflito “xeracional” nas asociacións. A proposta de formación e dinamización asociativa ten unha duración de 80 horas e se repartirá do seguinte xeito: 15 horas en sesións presenciais a través de xornadas de traballo específico, que se desenvolverán na sala de Audiovisuais da Biblioteca Municipal; 20 horas de traballo práctico en asociacións; e 45 horas de titorización -catro por semana- ao longo de todo o proceso formativo. O curso sobre a crise de relevo xeracional e a falta de dinamismo societario se prolongará ata o vindeiro mes de decembro.

29 de setembro de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.