Un cento de veciños de Prado visitan o Pazo de Liñares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Visita dos veciños de Prado a Liñares

Visita dos veciños de Prado a Liñares

O alcalde explica que é unha visita que se fai en deferencia a ser a parroquia onde está emprazada o Pazo e tamén ao agarimo amosado pola veciñanza por este edificio nobre Todas as persoas que o desexen poderán ver o Pazo o vindeiro venres 19 de setembro xa que se inaugura ás oito da tarde

En deferencia a ser Prado o lugar de emprazamento do Pazo de Liñares e ao agarimo amosado pola veciñanza cara á rehabilitación desta casa señorial que vén de realizar o Concello de Lalín, esta tarde o alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado do concelleiro delegado de zona, Antonio Rodríguez, e do redactor do proxecto e director de obra, Javier Bugallo, ensinaron a algo máis dun cento de veciños da parroquia presentes na visita ás instalacións da casa señorial, berce de Loriga, alcumada por Emilia Pardo Bazán, “Palacio del Recuerdo”, tras o remate do seu proceso íntegro de restauración e a unha semana de ser inaugurada.

Antes de dar comezo a visita guiada polas instalacións nas que Javier Bugallo foi explicando de xeito minucioso todo o proceso de restauración de cada unha das estancias indicando que se acometeu co máximo respecto á estrutura orixinal, o alcalde José Crespo mantivo á entrada que dá recinto ao Pazo un encontro cos veciños e comentoulles diversos detalles da historia do Pazo. Así, díxolles que fora comprado en 2002 polo Concello de Lalín a Rafael Latorre Moraga por algo máis de 670 mil euros e que o destino inicial era dedicalo a Parador pero que ao chegar o Prestige en 2003 o proxecto de Parador foi para Muxía.

Despois houbo que buscar novas posibilidades de financiamento e o alcalde decidiu  solicitar unha axuda do Ministerio de Fomento conforme ao 1% cultural, para o que houbo que lograr a declaración do Pazo como BIC, que se alcanzou nun tempo récord. En abril de 2010 o Ministerio concedía unha axuda de 2,4 millóns do 1% cultural -o convenio con Fomento asinouse o 2 de decembro de 2010- e en novembro chegaba unha axuda da Xunta de 800.000 euros para acometer a restauración de Liñares. Coa colaboración destas administracións foi posible acometer a restauración do Pazo a un custe practicamente cero para o Concello.

Agora avánzase na conversión de Liñares nun gran contedor multicultural, sostido en dous pilares básicos, indicou Crespo: o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, que funcionará como un apéndice do Museo de Pontevedra e que será un referente en cultura castrexa, e o Museo da Marioneta, que sendo o  único de Galicia, o rexedor pretende que sexa o mellor Museo de Títeres de España, e que pronto estarán en marcha.

Completarán os usos deste contedor cultural multidisciplinar que será Liñares o Arquivo Histórico do Deza, unha Sala de Loriga e unha Sala dedicada ao Xacobeo por ser lugar de paso da Vía de Prata e, polo tanto, de afluencia de peregrinos.

Crespo precisou que “o Pazo vaille dar nome a Prado, e Prado ao Pazo”, destacando a simbiose positiva que se dará.

E, por último, convidou a toda a veciñanza a participar na inauguración do vindeiro 19 de setembro que dará comezo ás 20.00 horas para logo despois das intervención das autoridades e dunha visita polas instalacións, dar paso ao espectáculo de Carlos Blanco e Luis Davila para rematar cun concerto ofrecido por un dos mellores gaiteiros, Xosé Manuel Budiño.

12 de setembro de 2014 | 20:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.