publicidade hoxe

Un centenar de persoas participarán na VII Travesía a nado de Longa Distancia ‘A Coruña 10.000’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O Concello, a través da área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que a VII Travesía a nado de Longa Distancia A Coruña 10.000 celébrase o vindeiro domingo, día 28 de setembro, superando, por primeira vez, os 100 participantes. En concreto, serán 104 as persoas que se inscribiron na proba e delas, 15 son mulleres.

Trátase dunha proba que experimentou, ano tras ano, unha gran evolución no número de participantes desde 2008, cando realizaron a travesía 26 persoas. Tamén destaca o incremento de persoas doutras provincias e mesmo doutras comunidades.

En categoría feminina, a proba contará coa participación destacada de María Vila Vidal, unha das promesas da natación española pertencente ao Club Natación Riveira que adestra con Luisa Domínguez e Fernando Zarzosa no Centro de Tecnificación de Pontevedra co obxectivo de participar na Olimpíada de Río de Janeiro 2016. Tamén tomará parte Laura Pimentel do Pavillón de Ourense, gañadora este verán do Circuíto Galego de Augas Abertas. En categoría masculina, destaca a participación de Miguel Pimentel, de Ourense; Miguel Pedrouzo, do Club PortaMiñá de Lugo; e Marcos do Río, do Club Natación Ferrol.

O interese por esta travesía é cada vez maior, xa que conta cun percorrido de gran beleza ao redor da Torre de Hércules, onde o mar e as condicións meteorolóxicas tan cambiantes fan que a proba destaque pola súa dificultade e espírito deportivo. Un ano máis, a cidade vive este gran reto entre a natación, o adestramento e a orientación, sendo a precisamente a dureza da proba a gran beleza da travesía, marcando como desafío máximo poder terminala.

O sábado recíbese aos participantes e o domingo, día 28 de setembro, ás 09.00 horas, partirá o primeiro grupo da praia do Orzán con percorrido: Baixo Pereiro, Baixo Boi, Punta Herminia, Punta Pragueira, Ensenada de San Amaro, Dique de Abrigo, Castelo de San Antón, Martelo e dársena da Mariña.

Desde o Concello destácase a participación de máis de 160 persoas na organización e 95 voluntarios no mar, ademais de 35 embarcacións. Tamén participan médicos, o Colexio de Fisioterapeutas e Protección Civil; entidades como o Real Club Náutico da Coruña, a Autoridade Portuaria, Capitanía Marítima, Garda Civil do Mar, Federación Galega de Natación, Cruz Vermella; e asociacións como a Asociación de Amigos dos Veleiros Juan de Lángara, Club de Pesca Deportiva Salmo, Club do Mar de San Amaro, Club Marítimo de Oza O Puntal, Club Vela Praia de Oza, Sociedade Deportiva As Xubias, Nauga Subacuáticas e entidades particulares que colaboran coas súas embarcacións e o seu persoal.

A este efectivo hai que sumarlles as persoas que asistan como acompañantes navegando a bordo da goleta Juan de Lángara.

26 de setembro de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.