publicidade hoxe

Ultímanse as obras de mellora no CEIP de Allariz así como a urbanización do aceso ao novo centro de educación infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllariz
A-
A+

As obras de urbanización, que rematarán previsiblemente antes do día 10 de setembro, conleva o cambio do sentido do vial que cruza os dous centros docentes. A estrada pasará a ser de sentido único con entrada no colexio e saída na rúa Fonte Nova, comunicando coa Estrada de Xunqueira. Levarase a cabo, ademais, a instalación de pluviais, media e baixa tensión, a pavimentación con adoquín no tramo que cruza os dous edificios escolares e que comunica co pavillón de deportes e a renovación das beirarrúas, que contarán cun maior ancho para garantir a seguridade da comunidade educativa.

Segundo explicaba o Alcalde, Francisco García, “a execución das obras no colexio público Padre Feijóo de Allariz non foi posible facela antes dado ao preciso acompañamentos das obras do novo edificio que, estes días, aínda están rematando en relación aos subministros, electricidade e gas.”

A petición da dirección do colexio tamén se están levando a cabo melloras no antigo centro, como a división de aulas ou o pintado.

O Concello de Allariz realiza estas obras con cargo á partida orzamentaria correspondente, de 60.000€, para materiais e man de obra. Dada a premura das obras, a brigada municipal de Allariz amplía a súa xornada laboral en dúas horas diarias, ademais da necesidade de colaboración externa para a colocación de adoquíns. “A brigada municipal está a simultanear estes traballos coas obras de ampliación de ximnasio e vestiarios na piscina municipal, a nova fase de escavacións en Armea e a construción da última fase de nichos no cemiterio.”

2 de setembro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.