Turismo de Ferrol mantén aberto o prazo de inscrición para o curso gratuíto sobre Xeomarketing
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen Garcia Fraga, mantén aberto o prazo para apuntarse no obradoiro de “Xeomarketing para negocios locais”, que se desenvolverá o vindeiro mércores 1 de outubro no Hotel Carrís en horario de 16:00 a 20:00 horas. Esta acción formativa, que a Concellería de Turismo oferta en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, é gratuíta e as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse enviando o seu nome completo, lugar de residencia e ocupación ao enderezo electrónico: mlopezturismo@ferrol.es. O prazo de inscrición remata o mesmo día do taller, 1 de outubro, ás 13.00 horas, e darase prioridade á asistencia ao curso a negocios locais e profesionais do sector turístico.
O encargado de impartir este taller de “Geomarketing” é Gersón Beltrán, xeógrafo especializado en xeolocalización, redes sociais e turismo; e profesor na Universidade de Valencia. O curso consistirá nunha breve introdución teórica e unha parte moi práctica en que se traballará xunto aos negocios o establecemento de obxectivos e estratexias axeitadas para usar o xeomarketing como unha potente ferramenta de promoción. O profesor Beltrán explicará como o uso da xeolocalización nas redes sociais beneficia aos negocios locais, facendo fincapé tamén en Google MyBusiness e en todas as súas posibilidades.











