publicidade hoxe

Tui mellora o firme en camiños rurais coas subvencións da AGADER

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

Nas últimas semanas estase a realizar o arranxo do firme en camiños e viais das parroquias tudenses cun investimento superior aos 340 mil euros grazas as achegas da Deputación de Pontevedra e da AGADER.

Por unha banda levouse a cabo a mellora na pavimentación en camiños rurais nas parroquias de Pazos de Reis, Paramos e Caldelas cun orzamento de 47.619,85 euros dos que 39.355,25€ foron aportados pola Consellería do Medio Rural e do Mar ao través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, e os 8.264,60 euros restantes foron aportados polo Concello ao abeiro do Programa Mellora de Camiños de Titularidade Municipal 2013/14.

Por outra parte nos últimos días executáronse tamén diversas obras de Mellora da Pavimentación ao abeiro do Plan Provincial de Obras e Servizos 2013 da Deputación cun importe total de 162.665,50€. Así realizouse a mellora do pavimento cunha nova capa de firme en Cotarel e Corvaceiras en Randufe cun orzamento de 41.773,53€, no Anxo en Pazos de Reis cun investimento de 25.192,42€, en Saides en Pexegueiro por 30.029,30€, na Devesa en Rebordáns o orzamento foi de 23.787,06, nas proximidades do Seixal en Baldráns investíronse 21.616,14 e en San Simón en Ribadelouro as obras ascenderon a 20.267€.

Por outra parte tamén se repuxo o pavimento da N-550 en Guillarei cun importe de 130.387,46€ ao abeiro do Plan Urxente de Mantemento de Servizos Infraestruturas Municipais 2014, PUSIM. No marco deste plan foron amais solicitadas outras actuacións de mellora do pavimento no camiño Ricamonde, Seixal, en Poboanza, nas Valiñas, na Gándara, Fenteira, no acceso ás piscinas municipais e o pavillón de deportes, e mellora de pavimentación do patio do CEIP nº1 que suporán un investimento de 286.344,76€. Tamén foi solicitado o arranxo da tarima do Paseo Fluvial cun orzamento de 100.183,62€.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explica que coa realización destas obras de asfaltado mellóranse as comunicacións nas parroquias favorecendo así o tránsito nas vías obxecto desta actuacións. Amais coas obras solicitadas ao PUSIM, engade o rexedor que se completará a mellora do estado de viais e camiños en todo o termo municipal.

18 de setembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.