Trinta persoas con discapacidade de Ferrolterra navegarán a bordo dun veleiro adaptado de COGAMI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O venres, 12 de setembro, e o sábado, 13 de setembro, dende o Club Náutico de Ares, un grupo de persoas con discapacidade usuarias de COGAMI-Ferrol (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) van embarcar no veleiro Laion para realizar unha travesía pola ría, onde van aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, a realización de nós mariñeiros, e tamén, poderán aprender o manexo do temón.

En total van ser 32 persoas as que van participar, divididas en 4 grupos de 8 persoas cada un (dous o venres e dous o sábado) embarcarán durante a mañá en horario de 11:00 a 14:00 horas e durante a tarde en horario de 16:00 a 19:00 horas.

Para o traslado dende Ferrol a Ares, COGAMI conta co servizo de transporte adaptado que facilitou a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol en colaboración coa Deputación de A Coruña.

A navegación do Laion forma parte do Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) que cada verán organiza travesías co fin de achegar a navegación ás persoas con discapacidade. O Laion pasou de ser un barco incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional para cederllo en garda e custodia dende o ano 2002 a unha entidade que pertence a COGAMI, a asociación ADISBISMUR, de persoas con discapacidade da bisbarra de Muros.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo a gobernación do barco a calquera persoa.

11 de setembro de 2014 | 10:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.