Tres prescriptores anglosaxóns buscan na D.O. Rías Baixas novos viños para o mercado británico
Co obxectivo de descubrir novos viños para o mercado anglosaxón, con especial interese no mercado británico, tres profesionais vinculados á comercialización do viño visitan até este xoves o territorio da D.O. Rías Baixas, con especial interese en descubrir adegas e viños diferentes que introducir por vez primeira ao consumidor británico, ávido de novidades e gran consumidor tradicional das elaboracións desta denominación de orixe. Con este obxectivo hoxe visitaron a sede do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas para realizar unha cata de dez viños amparados por esta D.O. e que aínda non teñen distribuidor no mercado británico.
“Buscamos viños frescos, con certo grao de complexidade, pero fáciles de beber, que son as características que os nosos clientes adoitan demandar”, explicaba Beth Willard, responsable da compra de viños españois para Direct Wines International. “O máis interesante para nós é descubrir as historias que hai tras cada unha destas botellas, coñecer a paisaxe, a contorna na que se crean xa que o consumidor final aprecia coñecer estes detalles, que lle describas o lugar no que se dá vida a este viño, que é o que o fai diferente”, explícanos. Neste sentido Willard destacou a gran evolución que detectou neste últimos cinco anos, desde a súa primeira visita a Galicia, no que se refire ao turismo enolóxico e á posibilidade de visitar adegas. “En comparación con outros territorios é realmente de agradecer o gran número de adegas abertas e visitables así como a gran dispoñibilidade de degustar viños moi diferentes no mesmo territorio”.
A visita desta misión inversa continuará até mañá, visitando un total de oito adegas das subzonas de Ribeira do Ulla, Salnés e Condado do Tea, o que lles permite profundar no coñecemento dos diferentes viños que se producen nesta denominación de orixe.











