Tres galegos participarán no Campionato de Europa de taekwondo sub 21 en Austria
Xián Silva, Pablo Fernández e Sara Cortegoso participarán no quinto Campionato de Europa de taekwondo sub 21, que se celebrará en Innsbruck (Austria) entre os días 26 e 28 de setembro. Os galegos viaxaron hoxe, xunto ao seleccionador galego sub 21 Miguel Patiño, en dirección a Austria. O Europeo sub 21, que comezou a súa historia en Vigo no ano 2009, reunirá 310 deportistas de toda Europa. O primeiro en competir será o pontevedrés Xián Silva (-80 quilogramos, Mace Sport) o día 26 de setembro.
Dos tres galegos é o deportista con máis experiencia internacional e incluso logrou unha medalla de prata no Europeo júnior do pasado ano. O deportista do Mace sufriu unha escordadura de nocello hai dúas semanas e espera estar en perfectas condicións para a competición. Miguel Patiño destaca de Silva que “é un deportista agresivo, que non evita o combate e ten moita capacidade de xerar problemas aos seus rivais polo imprevisible que é”. Actualmente adestrar no CAR de Murcia. Ao día seguinte (27 de setembro) sairá ao tapiz Pablo Fernández (-87 quilogramos, Mat´s). O deportista debuta en Austria nun evento internacional coa selección española, polo que pode pagar que é un novato. “Ten gran envergadura para o seu peso e domina ben as accións coa perna adiantada e no corpo a corpo”, manifestou Patiño.
E a última en competir, o día 28 de setembro, será Sara Cortegoso (-46, Mace Sport), a máis nova de todos, con só 16 anos. Pero ten a favor que é “unha competidora que nunca da un combate por perdido, sendo moi tenaz, tal e como amosou nas remontadas espectaculares que realizou tanto en campionatos galegos coma nacionais”, asegurou Patiño. Haberá que ver como soporta a presión de competir nun Europeo. Hai que recordar que os tres galegos lograron o título de campións de España sub 21 en Marina D´Or (Castellón) no mes de xuño. Dende entonces, estiveron preparándose para esta importante cita. Incluso cunha concentración en Murcia durante o verán.











