Trece empresas presentan as súas ofertas para executar a reforma da praza de España en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A obra de reforma da Praza de España e humanización da súa contorna suscitou o interese das construtoras xa que, rematado o luns o prazo de presentación de ofertas, un total de 13 firmas optar á realización dos traballos. Esta obra levarase a cabo a través do Plan de Investimentos dos Orzamentos Municipais de 2014 e sae cun prezo de licitación de 300.000 euros.

A Praza de España é un espazo moi céntrico e que polo seu estado de degradación, precisa dende hai tempo unha reforma, acorde coa contorna monumental na que se empraza e tamén coas actuacións de humanización e peonalización levadas a cabos nas rúas que desembocan nela. O proxecto deseñado pola Oficina Técnica Municipal de Rehabilitación Urbana pretende recuperar un espazo actualmente bastante degradado, mellorar a súa estética e funcionalidade dando protagonismo aos seus elementos máis emblemáticos: a fonte decimonónica e a arboreda. As obras teñen un prazo de execución de 5 meses.

As obras baseanse en dous piares fundamentais:

– A reforma e acondicionamento dos xardíns, a restauración da fonte central e reurbanización
– A peonalización dos viais que bordean a praza: o vial que conecta Edelmiro trillo con Covadonga, e a continuación da rúa Covadonga ata o encontro con Vicente Risco

Con esta actuación preténdese dinamizar e recuperar esta emblemática Praza como espazo atractivo para o esparexemento e paseo da cidadanía, tendo en conta o privilexiado espazo que ocupa: no centro da cidade, fronte Igrexa de Santa Baia de Arealonga, e nas inmediacións do conxunto histórico e monumental de Vista Alegre co que se conecta a través da Rúa Arcebispo Andrade.

A humanización e peonalización das rúas adxacentes proponse como continuidade peonalización das rúas Covadonga, Arcebispo Andrade, Praza de Galicia e Rúa Castelao levadas a cabo hai uns anos, e tendo en conta que, dende hai anos, a Praza de España, funciona exclusivamente a modo de glorieta para o tráfico rodado.

Tendo en conta a Paisaxe histórica na que se empraza a Praza de España, o proxecto propón a conservación e restauración da Fonte Decimonónica como fito simbólico sobre o seguirá gravitando o espazo público. A xeometría do xardín respéctase cos seus eixos axiais para vertebrar o espazo mantendo as conexións que ofrecen os catro brazos da cruz que forman os camiños.

Bóvedas e cúpula coas ramas das árbores

Para abrir perspectivas e aportar maior luz a un espazo que agora vese moi sombrío, eliminaranse as especies vexetais ornamentais plantadas nos parterres, que quedan como pradeiras. Así reálzase a arboreda orixinal para o cal o proxecto inclúe una actuación de saneo e rexeneración, e unha poda coidada e dirixida respectando a xeometría da praza, de forma que se creen bóvedas sobre as sendas e unha cúpula sobre a fonte.

No que á zona verde se refire, mellorarase a xeometría e a estética regularizando os parterres e ensanchando un pouco a zona axardinada a efectos de integrala coa contorna.

Peatonalización coa combinación de granito de calidade

A peonalización proxectada basease no coidado ao detalle e na calidade dos pavimentos a utilizar, que serán de lousas ensambladas de xeito que se adapten á perfección á xeometría do espazo e do xardín central. O material elixido será o granito con diferentes acabados, segundo as zonas, pero que terán un groso e calidade suficiente para garantir a súa conservación a longo prazo posto que. Aínda que serán de uso peoníl, permitirase o acceso de vehículos para carga e descarga. Ademais, incidirase na supervisión, reparación e complementación das redes de evacuación de pluviais.

En canto ao mobiliario urbano, conservaranse os bancos de pedra e forxa, que serán restaurados e colocaranse outros novos de madeira de pino de alta resistencia e pés de aceito cortén.

Iluminación en xardíns e fonte

Instalaranse un tipo de balizan nos límites do xardín; outras de baixa temperatura irán integradas nos setos, e no interior da pila da fonte instalaranse focos subacuáticos.

Trámite para a contratación

Unha vez comprobado si os ofertantes reúnen os requisitos e presentaron toda a documentación esixida nas bases, procederase a apertura das ofertas económicas que deberán ser avaliadas polos servizos municipais, Posteriormente, convocarase a Mesa de Contratación para realizar a proposta definitiva de adxudicación que, como último paso, deberá aprobar a Xunta Local de Goberno.

10 de setembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.