‘Todo Público’ regresa ao Fórum para que máis de 12.000 nenos se acheguen ás artes escénicas
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá Todo Público, o ciclo de artes escénicas para todas as idades, que se ofrece durante os meses de outubro e abril, no Fórum Metropolitano. “Demos un xiro a un ciclo moi consolidado cunha programación estable que responde ao compromiso do Goberno municipal pola programación infantil de calidade. Un feito que se suma a unha tendencia que se está dando en toda Europa de dignificar e apostar polas artes escénicas feitas por e para menores, co valor engadido que sempre achega o público infantil e co obxectivo de crear novos consumidores culturais”, destacou Fernández, quen explicou que Todo Público contará con 10 espectáculos para público familiar e 40 funcións dirixidas a centros educativos nas que participarán 9.200 escolares de Infantil e Primaria.
Neste sentido, a concelleira destacou que o Fórum acollerá os espectáculos de compañías galegas, nacionais e internacionais: “É o mellor do panorama nacional e dos espectáculos internacionais en xira, moitas delas premiadas nos principais festivais especializados de todo o mundo”, explicou e engadiu: “Atopámonos con auténticas xoias, percibindo que os espectáculos e eventos enfocados aos nenos non só aumentaron en cantidade, senón tamén en calidade. Tamén se aprecia na creación de novos formatos con especialización por disciplinas ou por grupos de idades”.
Así, o ciclo Todo Público presentará os seguintes espectáculos:
-18 de outubro: La isla del tesoro, de Teatro Arbolé (Aragón). Espectáculo de monicreques para maiores de 6 anos.
-8 de novembro: El jardín (un conto en voz baixa que conta sen palabras), de Quelli dei Grock (Italia). Espectáculo musical para nenos a partir de 4 anos.
-29 de novembro: Pulgarcito, de Teatro Paraíso (País Vasco). Espectáculo especialmente ideado para pais e fillos maiores de 6 anos.
-13 de decembro: Soldadiño de chumbo, de BAOBAB Teatro (Pontevedra). Historia de aventuras sobre o poder, a inocencia e o amor. Para nenas e nenos a partir de 5 anos.
-24 de xaneiro: Romeo y Julieta, unha obra en construción, de Puro Grupo Teatro (Arxentina). Espectáculo para maiores de 8 anos que recibiu o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Almagro 2013, o Premio Especial ao Mellor Espectáculo de Esencia Teatral Fetén 2014 onde tamén logrou o Premio Especial do Xurado pola procura da esencia do puro teatro.
-7 de febreiro: Dot, de Maduixa Teatre (Valencia). Sorprendente espectáculo de danza, teatro, música e novas tecnoloxías para menores a partir de 4 anos.
-28 de febreiro: Se eu fose maior, de Katarsis (ACoruña) e Omar Álvarez (Arxentina). Espectáculo para maiores de 4 anos inspirado no conto “Si yo fuera mayor” de Éva Janikovsky.
-7 de marzo: Una niña, da Rous Teatro (Andalucía). Espectáculo sen palabras a partir dun conto do escritor aragonés Carlos Grassa Toro. Dirixido a nenos a partir de 5 anos, conta cun aforamento reducido de 150 espectáculos. Recibiu o Premio Nacional das Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade 2011 e o Premio Fetén 2014 ao Mellor Espazo Escénico, Mellor Música Orixinal e Mellor Interpretación Feminina.
-20 de marzo: Kibubu, de Marie de Jongh (País Vasco). A partir de 6 anos. Espectáculo sobre o respecto e a liberdade protagonizado por dous pallasos. Recibiu os Premios Fetén 2014 á Mellor Caracterización e á Mellor Interpretación Masculina.
-18 de abril: Me duele el caparazón, de Compañía Taat (Cataluña). Espectáculo que xoga co poder expresivo dos obxectos, a súa transformación en personaxes e coa música das palabras: a repetición, as tonadillas e a capacidade de acariñar coa voz. A partir de 4 anos.
Pola súa banda, a directora do Fórum e responsable de programación da Ágora, Begoña Llamosas, indicou que, tras o éxito da súa primeira edición, regresa á Ágora Bebescena, un ciclo con espectáculos dirixidos especialmente para o público de 1 a 3 anos. “Tras a boa acollida do ano pasado, incrementouse a oferta e os espectáculos realizarán dous pases, xa que as condicións de exhibición son especiais, realizándose todo o espectáculo no escenario cos nenos no colo dos seus pais”, destacou Llamosas, quen lembrou que o aforamento destes espectáculos é de 60 ou 90 persoas e explicou que este ano se presentarán 9 espectáculos con dobre función -ás 11.00 e ás 12.30 horas-:
-21 de setembro: Gatuxo, de Magín Blanco (Galicia). Espectáculo onde se fusionan artes, música, teatro, contos, clown ou claqué, todo interpretado en directo por tres músicos a dúas voces e unha actriz.
-12 de outubro: En el jardín, coprodución de Teatro Paraíso (Vitoria) e Teatro da Guimbarde (Bélxica). Experiencia visual lúdica e activa na que se mestura teatro, vídeo, sombras e debuxos. Premio Fetén 2006 ao Mellor Espectáculo para a primeira infancia.
-19 de outubro: Babaol, de Enámbar (Albacete). Danza, pintura, música ou teatro para enxalzar valores como a amizade, a tolerancia e a imaxinación.
-9 de novembro: Niños, de Teloncillo (Valladolid). Espectáculo musical con poemas, cancións e sons. Premio Fetén 2013 ao Mellor Espectáculo para a primeira infancia.
-16 de novembro: Mira mira, de Ultramarinos Lucas (Guadalaxara). Humor e fantasía a través de dous personaxes e a música dun piano.
-14 de novembro: Minimón, de Nats Nus Dansa (Barcelona). Premio Fetén 2012 ao Mellor Espectáculo para a primeira infancia.
-25 de xaneiro: Cuando vuelve la luna, de Arena en los bolsillos (Selecta). Espectáculo protagonizado pola música dirixida a bebés xogando coas intensidades, os ritmos, as calidades do son ou os silencios.
-8 de febreiro: O día que chegou a nube e choveu, Trompicallo (Galicia).
-8 de marzo: Chove, de Titereficcións (Galicia). Espectáculo deseñado para a primeira infancia respectando os seus estímulos, tempos de asimilación, duración ou aproximación aos elementos utilizados na presentación.
“Cada vez é maior a demanda de produtos e servizos dirixidos aos nenos. É unha tendencia que obedece a varios factores como o ritmo de vida actual e a necesidade dos pais de gozar do tempo cos fillos compartindo actividades comúns”, explicou Llamosas, quen engadiu: “A aproximación ás artes escénicas, como todos os coñecementos significativos, debe realizarse na infancia, fomentar a sensibilidade, estimular a imaxinación e aproximarnos ás diferentes formas de contar unha historia”.
As entradas na oferta para público familiar en fin de semana custan 6 euros e o abono familiar para tres persoas, 15. As entradas son gratuítas para os menores de 3 anos. Respecto da oferta escolar, dentro do horario lectivo, realízase dentro da oferta educativa municipal Coruña Educa, do Servizo Municipal de Educación.











