Termina na bahía da Coruña o segundo ciclo da Semana Abanca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

Con moitos barcos en competición das clases cruceiro, monotipos J80, láser e snipe, finalizou onte domingo o segundo ciclo da Semana Abanca que está a organizar o Real Club Náutico da Coruña, en unión dos Marítimos de Canido e Vigo, Club Náutico Punta Lagoa tamén da cidade olívica e o lusitano Clube de Vela Atlántico de Leixóes. Excelente temperatura e suaves ventos do noroeste apareceron na Ría da Coruña ao fío da unha e media da tarde, e cando o reloxo marcaba as catorce horas, tanto a vela lixeira como a pesada iniciaron as súas mangas, os primeiros percorridos olímpicos de tres millas, mentres que os cruceiros de gran eslora cubrían 15 millas e os máis pequenos 10.

Nas Carris Hoteles Series reservadas ás clases láser e snipe, estaba en xogo o galego desta última categoría. Ao final dominio dos barcos locais en láser, pois se impuña Roberto Bermúdez de Castro en Láser 4.7, mentres que en Radial facíao Sobral e en Standard Ramón Calviño, os tres da Coruña. Na clase snipe o ouro e campionato galego caía ao lado do tándem Roberto Vidal e José Ramón Pardo do Real Club Náutico da Coruña, seguido dos arousáns Carlos Barca e Julio Fernández do Liceo Casino Vilagarcía e dos ferroláns Fernando Tajuelo e Iria López da Comisión Naval de Regatas de Ferrol. Un dos grandes favoritos, a parella coruñesa Jaime Miranda e Marta Pérez, tívose que conformar co cuarto lugar.

“Kotablue” de Enrique Vilariño foi o gañador da Regata da Amizade-Trofeo Terras Gauda, por diante de “Salseiro” de Manuel Blanco e do “Gómez” de Andrés Soto. Na mesma regata nos monotipos J-80, o mellor era o barco vigués patroneado por Eduardo Reguera “Escola de Vela” do Club Marítimo de Canido, seguido do arousán “Liceo Casino de Vilagarcía” patroneado por Adrián Domínguez. Ambas as clases cubriron na última proba celebrada onte domingo 15 millas. Os máis pequenos facíano soamente cunha lonxitude de 10, sendo os mellores “Zospiro” de Guillermo Branco e “Salao” de David Rivero. Agora tócalle a quenda ao Ciclo 3 da Semana Abanca, o Meeting Gadis no que participarán o próximo fin de semana na Coruña sobre 150 barcos de toda Galicia.

29 de setembro de 2014 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.