Termatalia Arxentina servirá de plataforma internacional para Ourense como destino termal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaOurense
A-
A+

A presenza do Concello de Ourense na vindeira edición de Termatalia Arxentina contribuirá a posicionar o potencial termal da cidade e a consolidarse como destino de saúde ante profesionais de máis de 25 países de Europa e América Latina, fundamentalmente. Esta participación foi presentada esta mañá no Concello por parte do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o concelleiro de Termalismo, José Ángel Vázquez Barquero, e o director de Termatalia, Alejandro Rubín.

O Concello de Ourense contará cun stand institucional onde promocionar os recursos e potencial termal da cidade. Estará ubicado no centro da feira, xunto ás principais institucións como o Ministerio de Turismo Arxentino, Promperú, Turespaña ou a Xunta de Galicia. A presenza do Concello nesta cita inclúe tamén a presentación do destino “Ourense Termal” entre tres importantes colectivos profesionais: ante os principais TT.OO. especializados en turismo de saúde de Europa e Latinoamérica; ante potenciais inversores e ante medios de comunicación internacionais. Ademais, están previstas reunións co resto de  concellos e vilas termais presentes en Termatalia Arxentina.

Por outra banda, Ourense liderará como socio fundador a presenza en Termatalia da E.H.H.T.A. (Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal), unha entidade que representa aos 26 principais destinos europeos ubicados en 11 países.

No apartado científico, Ourense será presentado no 9º Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo, as xornadas técnicas que se celebran de xeito paralelo e complementario á feira e na que está confirmada a participación de 80 ponentes de 20 países. Ourense formará parte do Encontro de Cidades Termais, a celebrar o venres 3 de outubro, coa ponencia “Concepto de termoludismo ó aire libre”. Participan nesta sesión outras ciudades termais como a anfitriona, Termas de Río Hondo, Spa (Bélxica) e La Roche-Posay (Francia).

Ourense promocionarase en Termatalia Arxentina para divulgar a súa oferta turística co obxectivo de captar novos clientes “Premium” entre os viaxeiros internacionais, sobre todo entre aqueles procedentes de países de Latinoamérica, xa que se prevé que a demanda de turismo de benestar nestes mercados medra un 13% ó ano ata 2017. Isto é case o dobre da taxa de crecemento neste sector proxectada para Europa e América do Norte que na actualidade son líderes no mercado do turismo de saúde. Esta circunstancia abre un amplo abano de oportunidades para destinos termais como Ourense, que pode abrirse a novos mercados entre os que viaxen a Europa motivados polas augas mineiromedicinais.

11 de setembro de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.