Teo restitúe a memoria da corporación republicana do 36 no pleno do vindeiro venres
O Concello de Teo celebra este venres un pleno moi especial na Casa Consistorial. Será unha “sesión extraordinaria” na que se restituirá a memoria da corporación republicana de Teo do ano 36. O acto será no salón de plenos a partir das 20:30 horas. No mesmo participará toda a corporación municipal actual, que votou por unanimidade recuperar a memoria destes políticos, así como os familiares daqueles concelleiros. O recoñecido xurista Gonzalo Rodríguez Mourullo (Balcaide, Calo 1935), fillo do alcalde republicano José Rodríguez Vázquez, será o voceiro das familias.
O acto estaba previsto realizalo no auditorio do Centro Sociocultural da Ramallosa, mais acordouse trasladalo á Casa do Concello, por estar fóra de servizo o auditorio. Nestes días está pechado por un problema detectado nunha viga.
A concelleira de Cultura, Carme Hermida, leva meses realizando un traballo de investigación e recompilación histórica sobre os membros da corporación republicana do ano 36 en Teo. Aquela corporación democrática, nomeada polo Gobernador Civil o 11 de marzo, despois das eleccións nas que a Fronte Popular conseguiu a victoria no Estado estaba formada polas seguintes persoas: José Rodríguez Vázquez, José Otero Carballal, Constante Liste Forján, Constante García Barros, Ricardo Otero Lueiro, Ramón Torres Viño, José Seoane Framil, Jesús Blanco García, Santiago Balado, Juan Casal García, Ramón Parajó Tellado, José María Iglesias Boullón, Manuel Liñares Pereiro, Andrés Puente, Juan Fandiño Iglesias, Avelino Rosende Rosende e José Trazado Iglesias.
Entre a información conseguida, ademais das notas biográficas, destacan os datos recollidos sobre os acordos adoptados pola corporación do 36 nos escasos catro meses nos que tiveron responsabilidades de goberno. Á vista da documentación, segundo indica Carme Hermida, “nese tempo de xestión as súas prioridades estiveron centradas na toma de acordos que posibilitaran o emprego de moitos dos parados do Concello”.
Entre os acordos aparecen melloras na rede viaria como a reparación de vías propias en mal estado ou a reclamación á Deputación Provincial de mantemento das vías da súa competencia. Tamén se recollen obras de reparación nas fontes de varios lugares de Cacheiras, Calo, Lampai, Luou e Oza así como arranxos en lavadoiros, pontes ou escolas como a de Francos. Tamén se documenta o interese desta corporación pola instrución pública xa que o 6 de xuño do ano 36 acordan desdobrar a escola mixta de Rarís, coa creación dunha nova para as nenas e de crear unha escola mixta na Ramallosa.
No ámbito galego o goberno republicano de Teo do 36 tamén acordou acudir á reunión de representantes rexionais en Santiago para tratar o asunto do Estatuto de Autonomía así como entregar 250 pesetas ó Comité Pro-Autonomía de Galicia para axudar a sufragar os gastos da campaña do Estatuto.