publicidade hoxe

Teo colabora no proxecto “Móllate polos ríos” cunha limpeza no río Tinto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Teo volve a participar na iniciativa Móllate polos ríos, que promove unha limpeza simultánea este domingo 28, en varios municipios galegos. No caso de Teo a limpeza farase no río Tinto, no tramo entre Cabanas e o Pazo do Faramello. Para participar non é preciso anotarse e os interesados/as só deben achegarse á carballeira de Francos o domingo ás 10:00 horas.

En Teo a participación nesta limpeza simultánea, que esta ano chega á sétima edición, está coordinada pola Asociación A Carballeira de Francos.

Dende a organización lembran que ese día recoméndase levar luvas e botas de auga para participar na limpeza. E tamén fan recomendacións de seguridade para evitar incidentes. Entre outras cousas aconséllase recoller o lixo con coidado, sobre todo cando se trate de cristais, ferralla ou materiais moi pesados; non traballar de costas ao río, no caso de que participen nenos/as non perdelos de vista ou ter coidado con zonas profundas no río.

Estas xornadas de limpeza buscan sobre todo “concienciar á sociedade da necesidade de que os sistemas fluviais estean ben conservados”.

O ano pasado colaboraron 43 entidades de toda Galicia nesta xornada e os organizadores calculan que se retiraron máis de 10 toneladas de lixo de orixe diversa. Participaron case 500 voluntarios/as de 32 Concellos.

25 de setembro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.