Sortéanse 132 vivendas de promoción pública no polígono de Valdecorvos, en Pontevedra
O Instituto Galego da Vivenda e Solo realizou hoxe o sorteo ante notario de 132 vivendas de promoción pública que se atopan en construción no polígono de Valdecorvos (Pontevedra). No sorteo, que xa se anunciou a mediados do pasado mes de xuño, participaron todos os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda ata o sete de xullo pasado, así como os que nesa data tiñan presentada a súa solicitude de inscrición.
O sorteo realizouse por cupos en función do número de dormitorios de cada vivenda e a composición familiar dos demandantes. Hai tres cupos para as vivendas de un, dous e tres dormitorios, así como un cuarto cupo para as vivendas adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida (seis vivendas de tres dormitorios).
Tralo sorteo elaborarase a lista provisional de adxudicatarios de cada quenda, así como unha lista de espera que conteña polo menos o dobre de solicitantes que de vivendas. No caso de que algún adxudicatario non cumpra os requisitos establecidos ou renuncie á vivenda, correrá a lista de espera, adxudicándose a vivenda ao primeiro de dita lista.
As listas serán expostas nos taboleiros de anuncios do concello e do IGVS en Pontevedra e publicadas na web do IGVS (www.igvs.es). Os interesados disporán dun prazo de dez días para presentar as alegacións que consideren oportunas.
Unha vez resoltas as alegacións que se presenten, elaborarase e publicarase a lista definitiva de adxudicatarios e posteriormente realizarase o sorteo de asignación de vivenda, de maneira que a cada adxudicatario lle será asignada unha vivenda concreta dentro da promoción.
As vivendas de Valdecorvos contan coa seguinte composición:
1 dormitorio: 24 vivendas
2 dormitorios: 66 vivendas
3 dormitorios: 36 vivendas.
3 dormitorios, adaptadas: 6 vivendas
Todas contan con salón-comedor, cociña, baños, praza de garaxe e rocho.
Datos construtivos
Estrutura. Muros de contención, zapatas de cimentación, piares e xácenas de formigón armado. Forxados unidireccionais feitos in situ con bovedilla de formigón, salvo en plantas concretas que son de polistireno expandido. A estrutura da cuberta resolvese mediante estrutura lixeira de pórticos de aceiro ancorada ao forxado de solo da planta de rochos.
Fachadas. Confórmanse mediante panel de formigón armado de 10 centímetros, cámara de aire lixeiramente ventilada, seis centímetros de polistireno extruído e folla interior de ladrillo oco dobre de oito centímetros de espesor, enlucido con xeso pola cara interior.
Carpintería exterior. As fiestras son de aluminio lacado en cor con microapertura homologada para ventilación e con rotura da ponte térmica. Vidros dobres con cámara estanca, dispoñéndose persianas de aluminio lacado polo exterior para protección de vistas e soleamento. Os vidros baixos son laminados de seguridade.
Cuberta. Resolvese mediante panel sándwich de chapa lacada con alma de poliuretano de 6 centímetros de espesor, ancorado á estrutura antes descrita. Canles, baixantes e demais remates da cuberta de chapa de aluminio lacado.
Divisións interiores. As divisións interiores resólvense mediante fábrica de tixolo oco dobre enlucido polas dúas caras. En separación entre vivendas dobre tabique de tixolo oco dobre apoiado sobre bandas de neopreno e la de roca no seu interior como illamento acústico.
Pavimentos. En plantas de soto pavimento de formigón pulido. Pavimento pétreo en portais e escaleiras. Nas vivendas utilizarase pavimento de baldosa de gres en todas as dependencias.
Revestimentos verticais. As plantas de soto van pintadas nalgúns paramentos, en outros quedarán vistos os muros de formigón; en vivendas enlucido e pintado, e falso teito de escaiola en locais húmidos.
Instalación de saneamento. Tubaxe de PVC en baixantes e colectores horizontais ata o seu entronque coa rede exterior de saneamento.
Instalación eléctrica. Axustada ao réxime de baixa tensión. Preveuse, seguindo instrucións da compañía subministradora, a instalación dun transformador nun baixo do bloque B. A instalación dos aparellos da cociña será eléctrica.
Calefacción e auga quente. A produción da auga quente e da calefacción será mediante a instalación de dúas caldeiras de gas no soto-1, baixo o Bloque B, distribuíndose polo teito de garaxes ata cada un dos portais. Existe unha instalación de de paneis solares na cuberta do bloque dun bloque. Emisión calorífica en vivendas mediante radiadores de aluminio con sistema bitubular. Contadores individuais de auga quente e calefacción.
O investimento total previsto na construción destas 132 vivendas achégase aos 14 millóns de euros.











