Sigüeiro acolle o GóisOrosoArte 2014 no que participan 65 artistas galegos e portugueses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e a presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Oliveira Castanheira, inauguraron na noite do venres a novena edición do certame internacional GóisOrosoArte. Unha exposición que reúne 65 pezas de pintura e escultura, das que 40 son de artistas galegos e outras 25 corresponden a artistas portugueses e doutras nacionalidades, que poderá visitarse no centro cultural Fernando Casas e Novoa (Sigüeiro) ata o vindeiro 3 de outubro.

Manuel Mirás agradeceu a colaboración altruísta dos artistas participantes no GóisOrosoArte 2014, dos que dixo que “nestes tempos de crise, convén non esquecer que a cultura tamén é unha saída profesional”, e a hospitalidade e colaboración que vén prestando o municipio portugués de Góis para a celebración deste certame. Mirás lembrou que “hai uns anos mesmo tivemos a honra de que un ministro de Cultura viñera inaugurar unha das edicións e, como ben dixo, é unha exposición digna de estar en calquera gran sala de Berlín, New York, Madrid ou Barcelona, pero resulta que a podemos desfrutar aquí en Oroso”.

Pola súa banda, María de Lurdes Oliveira Castanheira, destacou que a edición deste ano era moi especial xa que “o GóisArte cumpre 18 anos e, despois do necesario tempo de maduración, se revela en toda a súa plenitude”. Ademais, dáse a circunstancia de que “nesta edición suxerimos un regreso ás orixes, pois este ano conmemóranse os 900 anos da creación administrativa do noso municipio”.

Aula de Música

Un punto no que tamén incidiu o presidente da Asemblea Municipal de Góis, José Antonio Pereira de Carvalho, quen loubou especialmente as actuacións musicais dos alumnos da Aula de Música de Oroso durante a inauguración do certame. Os irmáns Emiliano e Alfonso Sánchez Velazco (quen tamén amosaron a súa pericia coa pintura expoñendo cadanseu cadro na sala) e Sara Romero Rial interpretaron varias pezas ao longo do acto de inauguración. “Hai quen se pregunta que é a cultura. Pois a cultura é isto”, asegurou Pereira de Carvalho, “feita libremente por estes pequenos cos seus instrumentos”.

O concelleiro de Cultura de Oroso, Antonio Leira, foi o encargado de conducir a inauguración, destacando que “o GóisOrosoArte ten xa unha traxectoria importante” e facendo fincapé na importancia de apostar pola cultura: “a arte non é patrimonio de ninguén, pero é un tesouro de todos”.

Finalmente, Ofelia Ángeles De Bartolomé Battista agradeceu ao Concello de Oroso a súa escolla como representante dos artistas nesta edición de GóisOrosoArte 2014. “Só quero agradecer coa miña pintura o cariño que espertou en min Sigüeiro e o seu pobo, que me fai sentir coma na casa dende que decidimos vir vivir aquí”.

O acto pechouse cunha actuación do rancho folclórico “Os Mensageiros da Alegria”, de Vila Nova do Ceira (Góis-Portugal). Un espectáculo que tivo lugar na praza de Isaac Díaz Pardo e que reuniu a máis dun cento de veciños e veciñas durante case unha hora.

Participantes

Os artistas participantes neste oitava edición de GóisOrosoArte 2014 son: Acácio Malhador, Ana Abella López, Ana Ferrer Pérez, Ana Rodríguez-Trelles Astruga, Ángeles López Fraga, Antónia Gomes, Armando Martínez, Avelino Castro Fernández, Belén Rodríguez Pazo, Blanca Arocas, Carmela Taboada, Carmen Rivas, Carmen Sevillano, Carmen Torres, Celia Santos, Conceiçao Ruivo, Constantino Cuesta Ibáñez, Eduardo J. Ortún, Esther Molinero, Estrella Rúa Barcia, Fernando Martins, Filipe Rodrigues, Fran Lareo, Geraldes da Silva, Guadalupe García Ferreiro, Hiroshi Umezaki, Isabel Gónzalez Andrés, Jesús Pereira “Suly”, Jorge Miguel Pinho de Almeida, José María Barreiro, José Sollari Allegro, Josefina Almeida, Lenita de Góis, Lisete Matos, Luís Rodríguez, M. Carme Sampedro López, Mª del Carmen Rodríguez Garrido, Mª Cristina Riveiro Oviedo, Mª Esther Piñán Oujo, Mª Esther Rodríguez Noya, Mª Gabriela Carrascalâo, Mª José Fiaño Lois, Mª José Freire Cisneros, Mª Lucía Dubra Ríos, Madalena Raimundo, Mahevi, Manuel Coelho Pinto, Manuel F. Castro, Marina Cocós, Mário Silva, Martine Allart_Boquet, Mary Carmen Calviño, Mary Olivares, Nolo Suárez, Ofelia Ángeles de Bartolomé Battista, Paulo Santos, Paulo Silva, Pedro Pinto, Pepa Mariño, Rafael G-Cao, Reyes García-Rayo, Teresa Barró, Xan Vieito, Xico Lucena e Xoán Vila.

13 de setembro de 2014 | 15:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.