Santiago(é)Tapas aspira a acadar os 200.000 petiscos vendidos na historia do certame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Santiago(é)Tapas vai celebrar a súa sétima edición entre o xoves 6 e o domingo 23 de novembro de 2014, segundo se anunciou esta mañá no Centro de Formación e Cultura Gastronómica da Asociación Hostelería Compostela, nunha rolda de prensa na que os organizadores, que animaron a todos os hostaleiros a participar e a propoñer melloras as melloras que consideren oportunas na mecánica do concurso.

O colectivo empresarial volve organizar esta cita co obxectivo de consolidar este evento e de melloralo introducindo algúns cambios importantes despois de seis edicións nas que se venderon máis de 170.000 petiscos, mantendo como sinal de identidade o tapasporte e as diferentes etapas pola cidade, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura.

O concurso Santiago(é)Tapas é unha referencia a nivel estatal e autonómica nos concursos de petiscos, por traxectoria, modelo e prestixio dende o 2008. Na edición ano pasado servíronse 37.000 petiscos nos 66 establecementos hostaleiros que ofreceron 109 creacións. Ademais, dez locais de hostalería nocturna ofreceron combinados especiais dentro da oferta complementaria de Santiago(é)Noite.

Santiago(é)Tapas 2014… A polos 200.000 petiscos!

A organización avanzou esta mañá que aspira a que neste 2014 se superen os 200.000 petiscos servidos na historia do certame, promovendo ademáis nesta edición a creación de atractivos paquetes turísticos que durante o mes de novembro se poidan comercializar e que inclúan tapas, hospedaxe e transporte, combinando este evento gastronómico coa programación cultural de Cineuropa.

Tralo anuncio das datas e da vontade da organización de mellorar o certame e facer medrar o seu ámbito teritorial, chega o momento de introducir algúns cambios que solicitan os participantes dende hai anos, coma o de dar máis protagonismo ao público e introducir o escandallo das tapas, para comezar nas vindeiras semanas coa produción do Santiago(é)Tapas e anunciar xa a mecánica do concurso e a apertura do prazo de inscrición para os participantes.

Na rolda de prensa desta mañá estiveron Germán González e Jesús Peón, como representantes da Sección de Restauración de Hostalería Compostela, Maruxa Ledo, de Incolsa, e diversos representantes do sector hostaleiro compostelán, que animaron aos seus compañeiros “a participar nesta nova edición do mellor concurso de tapas de Galicia”.

11 de setembro de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.