Santiago Futsal caeu na presentación de O Parrulo FS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Santiago Futsal e O Parrulo FS medíronse o sábado na presentación oficial dos ferroláns ante a súa afección no Pavillón da Malata. Un partido que os composteláns comezaron gañando pero que tras o descanso e nun minuto fatídico no que os locais marcarían dous goles, poríase costa arriba para os de Santiago.

O encontro comezou cun Parrulo FS que xeraba ocasións e un Santiago Futsal que tardou uns minutos en impor o seu xogo pero que logrou facerse co dominio do balón e chegar á meta contraria con perigo. Foi Diego Quintela quen, nunha gran xogada de calidade individual, marcharíase da meta local e adiantaría aos seus no marcador no minuto 8 de partido.

O Santiago Futsal buscaba ampliar a conta antes do descanso e Iván Rumbo tentaríao desde fóra da área cun tiro cruzado que se marchou fóra. Chus tería a última a falta de 12 segundos para concluír o primeiro período, pero o marcador non se movería e chegaríase ao descanso co 0-1 de vantaxe para os composteláns.

Comezaría a segunda parte coa mesma intensidade coa que finalizase a primeira. O Santiago Futsal buscaba marcar o segundo e O Parrulo FS a igualada. Pero chegaría o minuto 31 de partido, fatídico para os composteláns. Primeiro nunha xogada colectiva dos locais, Alberto remataría só diante de Marcos Vara e faría o primeiro. Só uns segundos despois, os locais recuperarían o balón e nun tiro desde fóra da área de Óscar Pérez chegaría o segundo.

O Santiago Futsal non se amedrentou e Diego Quintela e Lucas Bolo tiveron as máis claras para facer o empate. Gallego sería expulsado no minuto 36 e o Santiago Futsal quedaba en inferioridade numérica nuns minutos cruciais nos que o xogador ferrolán Socastro estrelaría o balón no pau nun tiro de dobre penalti. O Parrulo quedaría cun xogador menos pola expulsión de Jacobo con dobre cartón amarelo e cando o Santiago recuperou ao seu quinto xogador, Borja atoparíase coa cruceta nun tiro desde fóra da área que podería supor o empate. A pesar de tentalo até o último segundo, a vitoria quedou en Ferrol no último partido amigable dos de Santiago antes do comezo de Liga.

FICHA TÉCNICA:

O PARRULO FS: Canoli, Socastro, Pena, Jacobo e Óscar Pérez- cinco inicial- Ismael, Rubi, Iñigo, Aaron, Alex, Alberto, Chotto e Bertito.

SANTIAGO FUTSAL: Marcos Vara, Gallego, Pablo Tallón, Lucas Bolo e Kike- cinco inicial- Borja, Chus, Iván Rumbo, Dani M., Diego Quintela e Santi.

ÁRBITROS: Álvarez Rueda e Luís Hevia (Comité Asturiano). Amoestaron con cartón amarelo a Socastro e Óscar Pérez no Parrulo FS; e a Marcos Vara, Dani M., Lucas Bolo, Diego Quintela no Santiago Futsal. Expulsaron a Jacobo do Parrulo FS con dobre cartón amarelo e a Gallego do Santiago Futsal con cartón vermello.

INCIDENCIAS: Partido de presentación de O Parrulo FS no Pavillón da Malata (Ferrol)

GOLES: 0-1 min.9 Diego Quintela, 1-1 min.31 Alberto, 1-2 min.31 Óscar Pérez

7 de setembro de 2014 | 21:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.