Sanidade avanza no proceso administrativo para a ampliación do Hospital do Salnés
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia avanza no proceso administrativo para executar a ampliación do Hospital do Salnés, ratificando a previsión da Administración Sanitaria galega para que dita obra se poida adxudicar e iniciar antes de final do presente ano.
Neste sentido, cómpre sinalar que se presentaron ao concurso para executar a ampliación do Hospital arousán empresas de ampla experiencia e calidade no eido da edificación civil. Na actualidade, a Consellería de Sanidade está a desenvolver regladamente o proceso administrativo e técnico, que desembocará a fináis do presente ano 2014 na adxudicación do proxecto e, posteriormente, no inicio da ampliación, coas primeiras iniciativas técnicas e constructivas sobre a actual infraestrutura hospitalaria do centro de Ande-Rubiáns.
Manténse o prazo de execución da ampliación
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia mantén o prazo de execución da ampliación do Hospital do Salnés para finais do ano 2015 e, deste xeito, garantir a dispoñibilidade dos fondos europeos que colaboren co financiamento da nova infraestrutura sanitaria.
Cómpre lembrar que a ampliación do Hospital do Salnés abrangue a cinco áreas hospitalarias, que representan unha superficie asistencial de 4.157 m2 (dos cales uns 2.700 son do novo edificio e uns 1.400 serán obxecto de reforma), e permitirán aplicar os avances das novas tecnoloxías sanitarias ao novo bloque cirúrxico, á nova área de Urxencias e ao bloque obstétrico.











