Sanidade asina por 112.530 euros o contrato para a redacción do Plan director do Hospital da Costa en Burela

Sinatura do contrato
O Servizo Galego de Saúde asinou hoxe a contratación da redacción do Plan Director do Hospital da Costa en Burela por un importe de 112.530 euros.
En representación do Sergas estivo presente a directora de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Lourdes Vilachán Angueira, e por parte da empresa EACSN, SL (Estudos de Arquitectos e Consultores SN), Víctor de las Casas Zabala.
A redacción do Plan Director, que conta cun prazo de execución de 4 meses, vai supor a modernización do centro cunha programación racional das novas actuacións e inversións a cometer no mesmo.
Así mesmo, adaptarase o Plan Funcional deste Hospital ás novas necesidades derivadas da creación da estrutura organizativa de Xestión Integrada das áreas de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos aprobada no ano 2013.
Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Sergas 2014 en relación á modernización das infraestruturas sanitarias para mellorar a asistencia prestada aos cidadáns e o contorno de traballo dos profesionais.











