San Sadurniño solicita á Xunta unha solución aos problemas de masificación en 5º de primaria do CPI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este mércores comeza a escola e a comunidade educativa de San Sadurniño mira con preocupación un arranque de curso no que alomenos unha aula terá máis alumnado que espazo e profesorado dispoñible. Trátase co curso de 5º de primaria, onde hai matriculados 26 nenos e nenas que deberán compartir -a menos que haxa cambios nos próximos días- un espazo de tan só 40 metros cadrados. Unha situación que levou aos pais e nais a solicitar a mediación do Concello para que a Consellería de Educación desdobre o curso en dúas aulas e que contrate un docente máis. A reclamación chegou o sábado ao pleno municipal, onde recibiu o apoio unánime de todos os grupos políticos.

Segundo a ANPA do centro a situación incumpre as condicións básicas que impón a propia Consellería xa que se supera a ratio prevista para o segundo ciclo de educación infantil e educación primaria, que é de 25 persoas por unidade. Por outra banda, tal e como sinalan as nais e pais, tampouco se cumpre co requisito de que existan polo menos 2 metros cadrados por alumno, posto que hai 26 nenos e nenas nunha aula de 40 metros cadrados.

A moción presentada no pleno do sábado pola vía de urxencia sinala que “estas non son as condicións máis acaídas para asegurar unha educación pública e de calidade, tendo en conta o elevado número de cativos e cativas para un só ensinante, e o reducido tamaño da aula onde van ter que desenvolver as súas actividades durante todo o curso”.

Perante a situación expresada polos pais e nais do alumnado do 5º curso de educación infantil e pola propia ANPA do CPI de San Sadurniño sobre “os problemas de saturación nas instalacións e nas condicións nas que se vai impartir a docencia especificamente nesa aula”, a alcaldía elevou á consideración plenaria varios acordos para trasladarllos á Xunta de Galicia, á que se acusa de “dar solucións parciais” ao incremento na demanda de prazas que se vén producindo en San Sadurniño nos últimos tres anos. Asegura o escrito na exposición de motivos que o centro de ensino “vén sufrindo unha serie de problemas e contratempos coas prazas existentes nos cursos inferiores, así como coas condicións nas que se deben prestar os servizos educativos”. A este respecto critícase que a Consellería fose amañando a saturación das aulas de forma “pouco satisfactoria” por medio de desdobramentos ou concentracións “que repercutiron negativamente na calidade dos servizos educativos e nas condicións de traballo do propio persoal docente”.

O acordo ao respecto aprobado polo pleno municipal condensa as reclamacións en catro puntos. No primeiro ínstase á Xunta a que 5º de primaria se distribúa en dúas aulas para baixar o ratio de alumnado e que, ademais, se dote o centro dun profesor ou profesora a maiores para atender a clase de nova creación.

De forma máis xeral considérase que a Xunta de Galicia debe analizar a evolución do CPI de San Sadurniño “e acatar a normativa vixente así como a planificación no ámbito demográfico que a propia Xunta vén de aprobar no Plan de dinamización demográfica de Galicia”. Pídese, ademais, que a consellería proporcione tanto medios como solucións para que o centro “poida acoller a demanda de escolarización infantil existente na actualidade e a posible demanda que poida haber nos vindeiros anos”.

Por último o Concello de San Sadurniño reitera nos acordos adoptados o seu compromiso co Plan de dinamización demográfica de Galicia e expresa a a defensa “do dereito a unha educación universal, completamente gratuíta e da máxima calidade”, polo que lle brinda á Consellería a súa colaboración “para resolver este problema e todos os que poidan ter incidencia no CPI de San Sadurniño”.

8 de setembro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.