San Sadurniño levará a pleno a ordenanza cos prezos da futura escola infantil
Primeiro sábado de setembro, día de pleno ordinario no concello de San Sadurniño. O salón do aledaño ao patio da casa consistorial acollerá unha sesión cunha orde do día composta por nove puntos. Entre eles destacan a votación da conta xeral de 2013, a proposta de ordenanza reguladora das taxas da futura escola infantil e o primeiro convenio colectivo alcanzado co persoal laboral municipal. O pleno comezará ás 11.30 horas.
De todos os asuntos que se van abordar hai polo menos dous que son de trámite: a aprobación da acta anterior e a toma en coñecemento do estado das facturas do segundo trimestre do ano. En relación coa economía municipal tamén se aprobará a conta xeral do 2013 que, como dato destacable -aínda que xa coñecido- indica que o exercicio do ano pasado pechou cun saldo positivo de algo máis de 62.700 euros. Cartos que xa foron incorporados aos orzamentos deste ano para executar o programa de mantemento de estradas anunciado recentemente polo Concello.
Outros dous asuntos que seguramente se salden co apoio unánime da corporación serán o da aprobación do calendario de festividades de 2015 e o relativo á desafectación das instalacións do antigo Concello para facer efectiva a súa cesión á Garda Civil, cuestión esta última que xa con anterioridade contou cos votos favorables tanto do grupo de goberno como da oposición.
Os puntos de maior calado quedarán para a segunda metade do pleno. Así, o número 6 someterá á consideración dos edís e edilas a ordenanza reguladora das taxas pola prestación do servizo da escola infantil municipal. O documento que se leva a pleno recolle as contías que deberán pagar as familias en concepto de matrícula e mensualidade dependendo, entre outras variables, da duración da xornada elixida -completa, media, 2 horas de tarde ou horas extraordinarias- ou de se se vai precisar servizo de comedor para almorzo, xantar ou merenda. As taxas fixan a matrícula en 50 euros anuais, mentres que unha xornada completa tería un prezo de 197 euros, 120 unha media xornada e, por último, a atención durante dúas horas pola tarde fixaríase en 75 euros ao mes.
As horas extras que se soliciten por un periodo mensual terían un prezo de 25 euros, mentres que as empregadas puntualmente -días soltos- establécense en 5 euros. No tocante á alimentación dos nenos e nenas, o custo mensual do almorzo serían 30 euros, 85 o xantar e 30 euros a merenda. Os días soltos de comedor, segundo a proposta da ordenanza, quedarían fixados en 4.50 euros. Todos estes números e outras consideracións reflectidas na ordenanza son froito dun estudo de viabilidade elaborado nos últimos meses pola consultora especializada Promove.
O seguinte asunto da orde do día refírese ao primeiro convenio colectivo que terá o Concello para o seu persoal laboral. O grupo de goberno levará ao pleno unha proposta negociada e acordada previamente coa representación dos traballadores e traballadoras non adscritos á función pública. O paso polo pleno é necesario para a súa posterior publicación e entrada en vigor.
Por último, e antes de entrar no apartado de rogos e preguntas só o PP presentou en tempo e forma unha moción, na que reclamará un posicionamento do pleno sobre a proposta de reformar a lei electoral para que sexan os partidos máis votados os que teñan a encarga de formar goberno tras unhas eleccións municipais.











