San Sadurniño inicia o procedemento para a venda das vivendas de Naraío e Bardaos
A Xunta de goberno local aprobou recentemente as bases polas que se rexerá o alleamento das antigas escolas do Eirexado e das Loibas trala súa rehabilitación como vivendas unifamiliares. A venda farase mediante unha poxa pública cun prezo de saída de 77.552 euros para a de Naraío e de 75.248,80 euros para a de Bardaos. O prazo para presentar propostas aínda non está aberto, xa que haberá que agardar uns días a que os pregos se publiquen oficialmente no Perfil de Contratante do Concello, accesible desde a columna esquerda desta mesma web.
O sistema de venda rexerase exclusivamente polo criterio do prezo máis alto. As persoas interesadas en adquirir algunha das dúas vivendas deberán presentar a súa oferta económica na folla normalizada que se publicará canda ás bases, ademais de achegar noutro sobre á parte a documentación administrativa requirida.
Para optar á poxa será imprescindible que a persoa estea empadroada en San Sadurniño antes do remate do prazo de presentación das propostas. Outro requisito é que non pode ser titular de ningunha vivenda con referenza á data do 19 de agosto, momento en que a Xunta de goberno local aprobou o prego de condicións para todo o proceso.
En principio o goberno local tiña intención de que se tivesen en conta máis factores que o prezo, igual que ocorre nas adxudicacións de vivendas protexidas. Porén, un informe da secretaría municipal rexeita esta posibilidade indicando que a promoción de vivenda pública é competencia exclusiva do Instituto Galego de Vivenda e Solo. O informe considera tamén que a fórmula válida para a venda é a poxa tomando como único criterio o importe das ofertas presentadas. A este respecto a secretaría advirte que facer o alleamento doutro xeito suporía incorrer nunha ilegalidade.
Polo tanto as vivendas poxaranse publicamente cun prezo de saída de 77.552 euros no caso da de Naraío e de 75.248,80 no caso da das Loibas. As contías saen de sumar a valoración do terreo e do propio inmoble. Tan pronto como se publique a convocatoria no Perfil de contratante empezará a contar un periodo de 15 días hábiles para presentar as propostas económicas. Quen máis pague será quen quede coa vivenda á que opte, sempre que cumpra os requisitos de empadroamento e de non ter outra casa en propiedade no municipio.
Unha vez adxudicada, a persoa que merque a casa da que se trate deberá comprometerse a destinala ao seu uso como vivenda habitual durante un mínimo de cinco anos. Nese tempo tampouco poderá vendela. Se non cumprise, o Concello iniciaría o procedemento de reversión para recuperar a propiedade.
Os dous inmobles que se porán á venda dentro duns días erguéronse sobre a base de dúas escolas unitarias que requirían unha intervención urxente. Foi entón cando o equipo de goberno decidiu rehabilitalas para convertelas en vivendas que tivesen un prezo asequible e que, ademais, xerasen emprego durante o proceso de reconstrución. De feito os traballos -que comezaron en abril de 2013- déronlle emprego directo a 4 persoas durante medio ano. Outro obxectivo desta actuación concibida como unha experiencia piloto é o de contribuír a fixar poboación no medio rural. Se todo sae como está previsto o Concello recuperaría o investimento efectuado e o valor da terra para continuar a experiencia noutras antigas escolas en desuso, como a de Igrexafeita ou Silvalonga, que tamén se converterían en vivendas.
Como son as casas?
A vivenda de Naraío está situada no lugar do Eirexado e é unha casiña de 72 metros cadrados en planta baixa asentada nunha finca pechada de 425 metros na que, ademais, hai un garaxe con capacidade sobrada para dous vehículos e unha pequena zona para xardín. No interior leva espazo para a cociña, un cuarto de baño xa equipado, dúas habitacións con posibilidade de baldas ou armarios empotrados e un grande salón orientado ao sur cunha zona acristalada que caldea a casa tan só cunha raiola.
A de Bardaos está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 128 metros cadrados. No interior ten unha grande sala para cociña-comedor, un aseo e unha despensa que comunica coa zona da horta -a casa ten 560 metros cadrados de finca-. No primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.
Calquera persoa que estea interesada en adquirir algunha das casas pode ir velas tanto por dentro como por fóra. Só ten que chamar ao Concello en horario de mañá -981 490 027- e concertar unha visita. Porén, para facerse unha idea da situación e de como están repartidas, o Concello preparou dous planos de Google Maps con información completa sobre os inmobles e cadansúa galería fotográfica, á que se accede picando no icono de cada unha das vivendas.











