San Sadurniño destina o Fondo de compensación ambiental á preparación dos xardíns
O Fondo de compensación ambiental é unha partida económica que se distribúe entre aqueles concellos que teñen parques eólicos no seu territorio. Os cartos proveñen do que lle pagan as eléctricas á Xunta por cada muíño de vento e debe reinvestirse en actuacións para beneficio público. A San Sadurniño correspondéronlle este ano no prorrateo un total de 39.910 euros, dos que case a totalidade se van investir na mellora dos xardíns municipais. As obras comezaron este primeiro de setembro e deberán estar rematadas a finais de mes.
Os traballos previstos céntranse en arranxar os camiños con grava e xabre compactado de maneira que a auga non poida levalos. Como reforzo levarán un borde protector e incidirase especialmente no sistema de drenaxe que, ao cabo, son a clave para evitar a erosión provocada polas escorrentías. Aínda que non o pareza a obra ten certa envergadura xa que as medicións indican que entre os muros do parque municipal hai preto de medio quilómetro de sendeiros.
A segunda actuación incluída no proxecto será a de impermeabilizar o estanque sur do xardín tapándolle as numerosas fendas que produciu o paso do tempo. Desta maneira solucionaranse os problemas de filtracións que encharcaban unha grande superficie de terreo e que, ademais, supuñan un consumo de auga innecesario. Por outra banda ao estanque tamén se lle instalará un sistema que lle impida encher máis aló dun tope, co obxectivo de que sexa seguro ante posibles accidentes.
Por último tamén se instalarán varios aparellos de exercicios homologados e especialmente indicados para as persoas maiores, de maneira que os xardíns municipais se convertan, ademais de nun lugar de lecer, nun pequeno parque biosaudable.
A obra que comezou este mesmo luns deberá estar lista e entregada a finais de mes para poder xustificar o investimento. A urxencia é administrativa e tamén de uso do recinto, posto que o Concello quere trasladar para alí os mercados locais empezando xa polo de mediados do outono.
O orzamento total das obras son 34.900 euros. Os outros arredor de 5.000 ata completar a contía achegada polo Fondo de compensación ambiental irán parar a gasto corrente do Concello.
A Xunta volve denegar axudas para o contorno Casa do Concello
Dous anos leva o goberno local negociando coa Xunta axudas para as obras que se levaron a cabo no antigo Pazo da Marquesa e nos seus arredores. Primeiro nunha xuntanza co Conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, e despois noutra co Director Xeral de Administración Local, José Alberto Pazos, quen -segundo asegura o alcalde, Secundino García- expresou a vontade autonómica de contribuír aos traballos por medio da liña de axudas anual para a execución de infraestruturas de uso público.
O Concello solicitou acollerse ás subvencións en 2013. Non tivo éxito e volveu tentalo este ano. Presentou o proxecto de preparación do contorno da casa consistorial en tempo e forma e, en contra do agardado, o 11 de agosto a Xunta cursou unha comunicación desestimando a axuda por entender que non chegaba á puntuación mínima esixida. O rexeitamento causou malestar entre o executivo local. Secundino García asegurou que nas conversas mantidas “houbo un compromiso verbal” e que ademais o proxecto presentado “estaba sobradamente fundamentado desde o punto de vista técnico”. A este respecto García sinalou que San Sadurniño “debe ser o único municipio de Galicia ao que a Xunta de Galicia lle negou axuda para mellorar a súa sede, e iso que aquí fixemos unha completamente nova a partir dun edificio case en ruínas”. O alcalde lembrou que todas as obras executadas ata o momento se sufragaron exclusivamente con fondos do Ministerio de Cultura, da Deputación da Coruña e do propio consistorio.











