San Sadurniño abre o prazo de inscrición na xornada de limpeza de ríos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O próximo 28 de setembro -último domingo de mes- desenvolverase en 41 concellos de toda Galicia a VII xornada de limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos”, impulsada por ADEGA dentro do Proxecto Ríos. Trátase dunha iniciativa de conservación ambiental coa que se busca librar os cauces de entullos e restos contaminantes. En San Sadurniño a limpeza farase nun tramo do río Castro entre Igrexafeita e Naraío e xa está aberto o prazo de inscrición. Só fai falla levar botas de auga e roupa impermeable por se chove, o resto do material necesario e da loxística de apoio é cousa do Concello.

O río é un ecosistema complexo que cómpre manter nas mellores condicións posibles para un bo desenvolvemento da flora e da fauna. No outono prodúcese un parón biolóxico e por iso é a mellor época para facer tarefas de limpeza e mantemento tanto nas ribeiras como dentro da auga. 

A zona escollida para a limpeza son uns 2,4 quilómetros de río comprendidos entre a área de lecer do Pozo de Lamas e a ponte da Pedreira. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- estímase que durará desde as 10.30 até as 13.30h. O punto de encontro situouse no local da asociación de veciños Adiante de Igrexafeita a iso das 10 da mañá. Desde alí as persoas participantes baixarán á área de lecer para comezar o traballo. A limpeza farase seguindo o curso do río ata a ponte da Pedreira e unha vez alí farase un pequeno descanso e emprenderase a volta para xantar no Pozo de Lamas.

O prazo de inscrición está aberto ata o 26 de setembro nas oficinas do Concello ou chamando ao 981 490 027. Aconséllase levar botas de auga e luvas para facer unha recollida de lixo pola ribeira mentres, de paso, pode contemplarse unha das rutas de sendeirismo máis fermosas de San Sadurniño.

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de ADEGA na que participan entidades de 41 concellos de toda Galicia, ademais de 18 administracións locais -entre elas San Sadurniño-, o ente Augas de Galicia, o Ministerio de Medio Ambiente e o Instituto de Estudos do Territorio.

17 de setembro de 2014 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.