Salvemos Cabana mantén a titularidade do Dolmen de Dombate
A asociación, entre cuxos fins está a defensa do patrimonio sociocultural ademais do ambiental, pediu en xuño ao organismo provincial o manter a xestión integral do megálito tal como fai co resto de lugares patrimoniais ao seu cargo, alertando de riscos para a súa conservación en caso de ceder o control total do monumento ao Concello e aos intereses do seu alcalde, José Muiño, tras o coñecemento dun convenio de colaboración cuxos termos e condicións non transcenderon en público como tivese sido preceptivo.
No escrito recibido dende a Deputación e asinado polo seu Presidente, a entidade confirma que “a titularidade do Domen de Dombate segue sendo da Exma. Deputación Provincial da Coruña, que vela continuamente pola súa conservación e a súa axeitada utilización tendo en conta o seu considerable valor histórico deste singular monumento megalítico”.
A asociación alertou en verán que malia as intencións do alcalde de Cabana de xestionar de xeito total a instalación, o dolmen non pode nin debe ser utilizado como un mero salón de actos para a realización de actividades con presenza masiva de público, xa que non se trata nin dun teatro nin dunha sala de concertos senón do mellor expoñente do período megalítico en terras galegas, que ademais atesoura pinturas de época neolítica que poden verse afectadas polo cambio de condicións de humidade e temperatura debido á súa extrema fraxilidade.
O monumento, ademais, está encravado nunha instalación de referencia a nivel autonómico e mantén un servizo de vixilancia permanente, perfectamente musealizado para a autovisita a través de paneis interpretativos tal como se veu realizando ata agora, que expoñen con claridade a construción e o significado do xacemento, non necesitando de máis guías que a propia curiosidade dos seus visitantes.
Doutra banda, e tal como fixo partícipe no seu momento ao organismo provincial, de realizarse a cesión da xestión integral do monumento ao Concello de Cabana, existe o risco de que o enclave sufra un proceso de privatización encuberta e de que poida converterse nunha sorte de ‘casal’ suxeito a vontades alleas ao servizo público, convertendo unha instalación gratuíta que supón un orgullo para Cabana de Bergantiños nunha sorte de parque temático.
A CARREIRA DO DOLMEN DE DOMBATE, POPULISMO EN ÉPOCA PREELECTORAL
Neste sentido, a asociación considera que a carreira organizada polo Concello de Cabana este fin de semana, bautizada “Dolmen de Dombate” é un acto de populismo “puro e duro” do alcalde de Cabana, José Muiño, e que obedece unicamente tanto ao desexo do rexedor de controlar o monumento coma á época na que nos encontramos, previa aos comicios municipais. Salvemos Cabana está a favor da defensa da cultura e a promoción do deporte, pero non da utilización interesada do patrimonio para fins partidistas.
UN REFERENTE DA PREHISTORIA GALEGA QUE MERECE SER CONSERVADO
O Dolmen de Dombate é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 tras a adquisición de terreos cunha superficie total de 715 m² na parroquia cabanesa de Borneiro, e declarado Ben de Interese Cultural (por aquel entón Monumento Histórico-Artístico) o 11 de marzo de 1978, a través do decreto 728/78 publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE).
O monumento deuse a coñecer polo historiador Manuel Murguía e o propio Eduardo Pondal inmortalizouno en 1885 no seu poema “Queixumes dous pinos”. Non obstante, os primeiros estudos detallados do monumento foron realizados durante o século XX por Parga Pondal e Pérez Bustamante, entre outros autores.
Xa en época moderna (entre 1987 e 1989) leváronse a cabo escavacións arqueolóxicas sistemáticas que puxeron de manifesto a súa estrutura de cámara e corredor, con pinturas e petroglifos nas súas lousas, o que fai que este monumento do IV Milenio a.C sexa actualmente considerado como a “Catedral do Megalitismo”en Galicia.











