Sácanse a concurso tres proxectos que mellorarán a mobilidade en Visma e As Ánimas
O Concello coruñés sacou a concurso un investimento que supera os 1,8 millóns de euros para proxectos que mellorarán a mobilidade no barrio de San Pedro de Visma e no tramo do paseo marítimo que se atopa á altura da zona das Ánimas. As empresas interesadas poden presentar até o vindeiro luns, 22 de setembro, ás 13.00 horas, as súas propostas a estas tres obras que forman parte do compromiso municipal de modernizar as rúas e espazos públicos da Coruña.
VISMA
O Concello licita dous proxectos, cun investimento final de 1.345.960 euros, para mellorar a mobilidade e as comunicacións no barrio de San Pedro de Visma. En concreto, a Concellaría de Infraestruturas executará dous proxectos que darán máis protagonismo ao peón e permitirán mellorar a circulación na contorna e as conexións co resto da cidade: por unha banda, a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río; e polo outro, a creación dun novo viario desde a rolda de Outeiro -á altura da rotonda do pavo real- á rúa Loureiro.
No barrio de Visma, o investimento máis importante é para a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río, cun orzamento para a súa licitación de 820.159,93 euros e un prazo de execución de 8 meses. Este primeiro proxecto da Concellaría de Infraestruturas mantén o trazado actual polo interior do barrio de Visma, renovando o pavimento e executando gabias para o soterramento da iluminación, o deseño dunha canalización de pluviais para realizar unha rede separativa da rede de augas residuais, e trázase unha rede de telecomunicacións ao longo de todo o ámbito para nun futuro poder enterrar os servizos existentes sen necesidade de levantar o asfalto. Tras a demolición do firme existente, repavimentarase o viario con lastro, formigón ou asfalto, en función do tramo de rúa. Tamén se instalarán bancos e papeleiras e plantaranse árbores.
A segunda actuación urbanística en Visma é para executar un novo viario entre a rolda de Outeiro -á altura de Manuel Murguía e a Terceira Rolda- e a rúa Loureiro. Cun orzamento de 525.310 euros e cun prazo de execución de tamén 8 meses, o novo acceso ao barrio será de sentido único e apóiase sobre a rúa Pardiñas, cun ancho de calzada de 3,5 metros, unha beirarrúa á beira dereito de 1,8 metros e unha beiravía na marxe esquerda de 0,5 metros.
Infraestruturas aproveitará a execución desta nova vía para modificar a rúa Pedreiras: mantense o sentido único de circulación pero engádese unha beirarrúa de 1,8 metros no bordo esquerda, amplíase a calzada até os 3,5 metros e deséñanse aparcadoiros en liña na marxe dereita nas inmediacións dos futuros campos de fútbol.
Estas melloras súmanse a outra serie de proxectos que darán un impulso definitivo ao barrio de San Pedro de Visma e os seus arredores, cun investimento final que rolda os 12 millóns de euros. Á recente inauguración da nova sede de Pai Rubinos, engádese a próxima execución dun gran parque que levará o nome de Adolfo Suárez e a construción de dous campos de fútbol, os viarios de acceso e a futura sede da Federación Galega de Fútbol. En total, 100.000 metros cadrados para o uso e goce dos cidadáns, con especial atención aos veciños de Visma, Labañou, Agra do Orzán e Os Rosales.
PASEO MARÍTIMO
O terceiro proxecto de Infraestruturas que sale á licitación é a remodelación do paseo marítimo no tramo das Ánimas, unha obra orzada en 464.535,50 euros e un prazo máximo de execución de 4 meses.
O novo proxecto da área que dirixe Martín Fernández Prado suporá a reforma do actual cruzamento das Ánimas co castelo de San Antón e o Paseo de O Parrote. Así, da praza triangular que existe agora pasarase a unha glorieta de dous carrís que se axustará mellor ás necesidades que demanda a mobilidade nesta zona. A nova rotonda favorecerá a comunicación co novo túnel de O Parrote e, por tanto, a conexión co viario subterráneo da Mariña que se atopa en execución e co túnel de María Pita, que tamén se reformará. Ademais, a rotonda proxectada nas Ánimas, deseñada para permitir o movemento de camións e autobuses, tamén contribuirá a facilitar a circulación en superficie dos vehículos que se desprazan por esta zona.
A Concellaría de Infraestruturas aproveitará a execución destas melloras no tráfico no paseo marítimo para remodelar o Paseo de O Parrote, entre a nova glorieta e a intersección cara á rúa da Maestranza. Así, reporanse os pasos de peóns existentes, o carril bici e as beirarrúas, ademais de deseñar a iluminación e o saneamento de pluviais para a nova configuración de viarias.











