Rueda e Miranda visitan o colexio Santiago Apóstol do Centro Galego de Buenos Aires

Rueda e Miranda na visita ao centro
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitaron hoxe o Colexio Santiago Apóstol do Centro Galicia acompañado polo adxunto ao Xefe de Goberno de Buenos Aires, Horacio Rodríguez.
Rueda resaltou a colaboración e as boas relacións entre o Goberno da Xunta e a Cidade de Buenos Aires, que se plasma nesta visita conxunta a unha institución tan importante como o Colexio Santiago Apóstol ou o ‘Buenos Aires celebra Galicia’, unha iniciativa que terá lugar o domingo na capital arxentina para que os seus habitantes poidan acceder á imaxe real e actualizada dunha Galicia moderna e competitiva, á vez que afondan no coñecemento da súa cultura tradicional.
A posta en marcha do Colexio Santiago Apóstol no ano 1998 supuxo a culminación de moitos esforzos da colectividade galega que tiñan como máxima prioridade proporcionar unha educación de calidade ós seus descendentes para convertelos en sucesores e transmisores da esencia patrimonial galega na capital arxentina
O centro conta con máis de 500 alumnos, dos que máis do 80 por cento son descendentes de galegos, e foi creado por iniciativa da Xunta e do Centro Galicia de Buenos Aires co valor engadido da lingua e cultura galegas, coa finalidade principal de propagar e soster unha educación baseada nos principios biculturais arxentino-galegos que cimenten as bases da colectividade galega na Arxentina.
O Centro Galicia nace como froito dos xa existentes centros coruñés, ourensán, lucense e pontevedrés, e co fin prioritario de agrupar a todos os galegos de Buenos Aires en diversos eidos, desde a cultura ao deporte, empregado de maneira singular como vehículo de unión e de integración. O gran número de socios da entidade, máis de dez mil, convérteo nun referente importante da diáspora galega non só na Arxentina, senón en todo o mundo. No ano 2005 concedeuse a Medalla de Galicia na categoría de Prata ao Colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires, que forma parte do Centro Galicia. A entidade posúe un local social en propiedade de máis de 14.500 metros cadrados, dos que case a metade confórmanos o propio Colexio, e conta tamén cun amplísimo campo de deportes e finca de recreo, de 11 hectáreas, na zona de Olivos.











