publicidade hoxe

Rosa Quintana vista as instalacións da empresa Frigomar Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+
Rosa Quintana na visita a Frigomar Burela

Rosa Quintana na visita a Frigomar Burela

A Xunta apoia a comercialización dos produtos galegos do mar e impulsa de maneira especial a súa exportación. Como mostra disto, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe os 47 millóns de euros dedicados na convocatoria de 2014 ás axudas para a transformación e comercialización de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura. Estas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo da Pesca nun 75 %, teñen como finalidade potenciar a competitividade no sector procesador galego, ao tempo que promoven o desenvolvemento económico, social e produtivo da nosa Comunidade.

A titular de Medio Rural e Mar visitou hoxe a empresa Frigomar Burela S.A., situada en San Cibrao e que se dedica á transformación e conxelado de peixes para a súa exportación. Esta industria beneficiouse precisamente dunha axuda de preto de 407.000 euros na convocatoria de 2009 destas axudas á comercialización, que destinou á ampliación da empresa para instalar unha liña de conxelado.

Frigomar Burela S.A. iniciou a súa actividade no ano 2005 e conta cun cadro de persoal de 18 traballadores, que se incrementa ata o medio cento en tempada alta. No ano 2013 a súa produción foi de 8,5 millóns de quilos e facturou máis de 10 millóns de euros. Da súa produción, máis do 80 % destínase á exportación a África e 10 países europeos.

Faro de Burela

Nesta visita a conselleira do Medio Rural e do Mar asistiu tamén á presentación do proxecto de reconstrución do faro de Burela, que acometerá a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao en colaboración co concello desta localidade da Mariña luguesa.

Esta baliza resultou danada polo temporal “Cristina” en marzo pasado e agora vai ser reparada cun investimento de 400.000 euros. As reparacións realizaranse na súa integridade por medios marítimos.

Rosa Quintana cualificou este faro como referente “xeográfico e sentimental” da Burela “mariñeira e puxante” e felicitouse porque seguirá séndoo “grazas á colaboración de todas as administracións”.

30 de setembro de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.