Rey Varela espera que se abran expectativas no naval de Ferrol
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, afirmou este xoves que espera que se abran expectativas para garantir emprego e actividade económica” no naval da comarca tras ratificar as autoridades europeas que o veto á construción civil en Navantia expira o 1 de xaneiro de 2015.
“Creo que o levantamento do veto é un acto de xustiza con esta comarca porque é absolutamente irracional que sexa condenado no ano 2005 un estaleiro como era a antiga Astano a non poder producir en 10 anos, que é o que sufrimos”, manifestou, en declaracións aos medios en Ferrol.
Neste sentido, comentou que agarda que se abran expectativas” para garantir emprego e actividade económica “neses terreos que son unha oportunidade para todos”.
En relación ao proxecto do dique flotante e as manifestacións sobre o apuntado pola Comisión Europea que sinala que se se financia con fondos públicos considérase axuda do Estado, Rey Varela apuntou que “igual” que di que o veto imposto en 2005 sobre a antiga Astano “é inxusto” tamén lle parecen inxustas moitas decisións da Dirección Xeral da Competencia”.
“RESTRICIÓNS”
“Ben fácil ten Competencia dicir, no seu caso, que se pode facer”, abundou, para sentenciar que “o que hai que facer é solucionar temas e non estar a nos facer desculpas permanentemente”.
Nesta liña, insistiu en que “hai unhas restricións sobre o sector naval español” e sostivo que sempre se prexudicou ao sector naval español”. “É un sector estratéxico para o Estado e debería ter o mesmo trato que outros países”, aseverou, para sentenciar que é “necesario unha reflexión sobre esa cuestión”.











