Rey Varela apela á responsabilidade compartida de toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asistiu hoxe á Gala Benéfica a favor da Asociación de Loita contra os Malos Tratos (ALMAT), organizada pola Asociación Amigos del Arte de Narón. Este acto tivo lugar no Centro Cultural Torrente Ballester e contou coa presenza do presidente da entidade organizadora, José Ignacio Dapena Fernández; a presidenta de ALMAT, María del Carmen López Díaz; e a concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez.
Na súa intervención, Jose Manuel Rey Varela agradeceu a Amigos del Arte e resto de persoas e entidades implicadas na organización e desenvolvemento da gala a súa solidariedade e compromiso; ao tempo que encomiou o traballo que durante anos leva facendo na cidade a Asociación de Loita contra os Malos Tratos. Neste senso, destacou o gran valor que teñen iniciativas que xorden no seo da sociedade como esta Gala Benéfica para poñer freo á violencia machista “porque suman fronte os malos tratos, serven para sensibilizar e visualizar unha lacra social e, neste caso, é un apoio máis para as mulleres en situación de vulnerabilidade”.
Nesta liña, o rexedor municipal sinalou que o compromiso contra a violencia de xénero por parte das Administracións “ten que ir máis alá das palabras e debemos seguir aportando recursos económicos ás entidades que loitan contra os malos tratos e que promoven a igualdade de oportunidades para que poidan axudar, concienciar e asesorar ás persoas que o necesitan”. E, ao fío disto, reiterou o compromiso do Goberno Municipal coas políticas sociais que cualificou de “prioridade inescusable”. Unha prioridade, tal e como sinalou Jose Manuel Rey que non se queda en palabras senón que se cuantifica cun incremento nos convenios de colaboración que a Concellería de Igualdade mantén con Almat co obxectivo de garantir o funcionamento do teléfono de atención á muller 24 horas ao día que ten operativo devandita entidade. Ademais deste aumento na contía do acordo entre o Concello e Almat –o subscrito para este exercicio económico elevouse até os 6.500 euros fronte os 5.000 fixados o ano pasado-, o Executivo local está a traballar para facilitar a Almat un espazo no Centro Cívico de Caranza no que esta asociación poderá emprazar a súa nova sede.
Por último, Jose Manuel Rey destacou o amplo e activo tecido de entidades que dende o ámbito social e da igualdade traballan na cidade e das que forma parte Almat. “Un tecido asociativo que complementa e suma os servizos municipais que están a disposición das mulleres en situación de vulnerabilidade, principalmente o Centro de Información á Muller (CIM) e a Casa de Acollida, a primeira aberta en Galicia”, apuntou.











