Rexuvenecemento do Santiago Futsal
O fútbol sala non é só cuestión de idade. E se non que llo digan aos xogadores do Santiago Futsal, quen soamente 7 deles teñen máis de 23 anos. Esta é unha tempada prometedora para o equipo, onde debutan xogadores na máxima categoría do fútbol sala nacional, con tan só 19 anos.
O Santiago Futsal presenta este ano un persoal renovado, con 9 incorporacións de xogadores de procedencias tan afastadas como os arxentinos Lucas Bolo e Juan ‘Gallego’, ou o croata Kristijan Postruzin, o primeiro xogador croata da historia da liga. Eles tres, do mesmo xeito que o madrileño procedente de Inter, Iker López, son os xogadores máis novos que se uniron ao persoal; con 19 anos o xogador croata e 22 Bolo, Gallego e Iker. Eles, xunto a Pablo Tallón e Chus, xogadores que apostaron por quedar no club esta tempada, son os “xovenciños” do equipo.
O capitán Diego Quintela, que con tan só 23 anos xa debutou coa selección absoluta, e esta mesma semana volveu recibir a chamada do seleccionador nacional, atópase na franxa media de idade do equipo, do mesmo xeito que o xogador compostelán Santi e o recentemente chegado Dani M., quen con 24 anos, debuta por primeira vez na liga Nacional de Fútbol sala.
Os veteranos Hugo e Lucho, ambos con 25 anos, capitáns do equipo do mesmo xeito que o de Arzúa, seguirán un ano máis no club de Santiago e volverán ser bandeira do equipo galego.
Os xogadores con maior idade do equipo son todos eles novas incorporacións. O coruñés Iván Rumbo, procedente do Cidade de Narón, debuta na Primeira División con 26 anos. Marcos Vara, xa coñecido pola afección pola súa etapa no club fai 8 tempadas, defende de novo a portaría branca con 27 anos. Pola súa banda, o gaditano Borja, procedente do Virgili FS, debuta na máxima categoría con 28 anos. E o último xogador, Marci, veterano no fútbol sala e que regresa nesta segunda etapa ao Santiago Futsal, debutará en Primeira con 29 anos.
Un equipo cunha media de idade de 24 anos que aposta pola mocidade como medio para conseguir a meta da permanencia.