Retírase en Bardaos un niño de avespas asasinas que estaba pendurado enriba das casas
A Asociación Galega de Apicultura leva tempo alertando da invasión de avespas asiáticas que está vivindo Galicia. Incluso o Concello de San Sadurniño lle deu publicidade ao problema nos últimos meses a través das redes sociais, do boletín novas e colaborando nun folleto explicativo sobre como debe actuarse se se detecta un niño. A situación é grave porque xa se converteu nunha praga e porque, segundo aseguran os apicultores, a Xunta non está xestionándoa como sería debido. Para mostra, un botón. Un niño detectado hai vinte días en Bardaos ao pé das casas tivo que ser retirado por un apicultor chamado pola delegación do Eume da AGA con medios proporcionados polo Concello, logo de que a empresa pública TRAGSA fose incapaz de facer o traballo. Con todo, se se detecta algún caso haberá que chamar ao teléfono 012.
A niñada de avespas apareceu no bico dunha nogueira ao carón dun grupo de vivendas. Os veciños e veciñas nin conta se deran ata que a panadeira que pasa pola zona lles deu aviso de que había un obxecto estraño camuflado entre as follas. Semellante a un novelo de cor parda e cun tamaño próximo ao metro de diámetro pola parte máis ancha, confirmouse case de inmediato que se trataba dunha colonia de Vespa Velutina Nigrithorax, unha especie foránea depredadora das colmeas e moi voraz coa froita.
Postos en contacto co 012 iniciouse o protocolo marcado pola Xunta para atallar o problema. Ata alí desprazárons un camión de bombeiros e persoal da empresa pública TRAGSA para coordinar o operativo. O camión tivo que marchar ao non poder acceder ao lugar co guindastre-cesta. Localizouse un vehículo máis pequeno que si puido chegar ao sitio aínda que tampouco serviu de moito ao non dispor os operarios de TRAGSA de equipamentos de protección axeitados para facer o traballo. Finalmente o niño quedou no sitio e de todo o trafego de xente só quedou unha pequena trampa que, ademais, non é a axeitada para a velutina, tal e como aseguran desde a delegación do Eume da Asociación Galega de Apicultura.
A asociación apícola e o Concello resolveron poñerlle fin a unha situación especialmente perigosa debido a que as avespas estiveron durante días literalmente enriba dun tellado e campando ás súas anchas pola zona, estragando mazás e outros froitos e expoñendo a veciñanza a un serio perigo. Cómpre ter en conta que o aguillón dunha avespa asiática pode superar os 6 milímetros e que a súa picadura é “dez veces máis dorosa” que a dunha abella, segundo indicaba o apicultor que nesta noite de luns conseguiu retirar o niño.
O operativo desenvolveuse xusto despois da posta do sol. Á noite as avespas están todas dentro do niño e é o mellor momento para manipulalo con garantías de que o problema quede eliminado de raíz. A este respecto desde o sector critícase que a Xunta estea enfrontando as retiradas de niños “a plena luz do día”, o que supón multiplicar e estender o problema posto que todas as avespas que quedan fóra volven reagruparse noutros lugares para criar novas raíñas e, en consecuencia, novas colonias.
No caso da colonia de Bardaos empregouse un furgón cunha cesta para acceder ao lugar, situado a uns 7 metros de altura. Un apicultor experimentado e con experiencia no manexo da velutina cubriu o niño cun saco plástico e pulverizou no interior un insecticida capaz de liquidar o enxame en escasos cinco minutos. Pasado un tempo prudente desprendeuse o niño das pólas e baixouse ao chan onde os veciños e veciñas puideron velo por dentro. Nel xa só daban mostras de vida centos de larvas dispostas en panais dunha celulosa especial construída a base de cuspe e outra materia vexetal extraída das árbores. Trala morte das avespas hai dúas opcións: destruir o niño queimándoo ou gardalo para expoñelo, para o que é recomendable metelo nun conxelador durante algo máis dunha semana. Sábese que a cría pode seguir vivindo e desenvolvéndose varios días grazas ao deseño do niño, que pode manter a temperatura axeitada durante un largo tempo.
O colofón dos traballos de retirada foi a colocación dunha trampa caseira no mesmo lugar onde estaba o niño. A construción é simple. Unha botella de plástico cun orificio lateral no que se coloca a parte superior doutra botella máis pequena a xeito de funil que facilite a entrada das avespas e que, ao mesmo tempo, lles impida saír. Dentro bótanse dúas partes iguais de cervexa negra e viño branco -tamén se llo pode botar zume de arandos- ata encher unha cuarta parte da trampa. E listo, en dous minutos temos un dispositivo capaz de cazar as avespas que puidesen quedar.
Desde a AGA-Ferrolterra insisten en que, ademais, estas trampas deben colocarse preto dos colmeares para protexer as abellas, principal alimento da velutina. Neste sentido é importante facerlles ás trampas varios orificios na parte superior duns 5 milímetros de diámetro para que poidan escapar delas tanto as abellas como as avespas autóctonas, moito máis pequenas que a asiática.
Un problema que se propaga coma o lume
O último mapa publicado por Medio Rural indica que a avespa asiática se estendera polo norte das provincias de Lugo e da Coruña e que tamén se localizaran niños en Arteixo, Oleiros, A Laracha, Abegondo e Campre. Outro punto marcado en vermello é a zona do Baixo Miño, en Pontevedra.
No mapa, que data de agosto deste ano, non aparece San Sadurniño. Porén, a realidade é outra. Esta mesma semana localizouse outro niño preto de Soutullo e suponse que nos arredores do Camiño Grande, A Torre e A Fraguela, en Igrexafeita, debe haber unha ou varias colonias habida conta da numerosa presenza de exemplares de velutina voando e comendo pola zona.
¿Que debemos facer se localizamos un niño?. Primeiro hai que asegurarse de que se trata dunha colonia de avespas asiáticas. Ademais do seu tamaño identifícaas a cor, que é negra case por completo. Teñen amarelas as patas e o final do abdome, cunha característica banda dunha cor amarela apagada. Son boas de diferenzar das avespas comúns, pero pode haber confusión coa Vespa Crabro autóctona, tamén de grande tamaño pero con patas alaranxadas e dun amarelo máis vivo que lle cobre practicamente todo o abdome.
Despois de cerciorarnos de que estamos diante dun caso de velutina hai que chamar ao 012 xa que é a Xunta quen ten as competencias na materia. Con todo, non está de máis contactar tamén coas delegacións do Eume e de Ferrolterra de AGA nos teléfonos 661 003 616 e 661 378 960 respectivamente.











