Restricións no tráfico rodado en Monforte debido ao paso da Volta Ciclista a España
A concellería de tráfico informa que este sábado día 13 de setembro produciranse restricións e cortes no tráfico rodado nalgunhas zonas da cidade, debido ó paso pola cidade da vixésima etapa da Volta a España entre Santo Estevo de Ribas de Sil e Porto Ancares.
As previsións da organización da volta ciclista son que o pelotón chegue a Monforte arredor das 14:00 horas, entrando no casco urbano pola antiga N-120, continuando pola rúa Ourense ata a intersección coa rúa Chantada e seguindo pola mesma ata a rotonda do Horreo, onde xirarán cara a Rolda Urbana para, a continuación, dirixirse cara a Bóveda polas rúas Dr. Casares e Morín.
Debido a este acontecemento deportivo, a partir das 13:30 e ata as 14:30 horas, produciranse restricións e cortes no tráfico rodado por estas rúas e por outras próximas que desemboquen nestas arterias principais.
Dende a concellería de Tráfico solicítase a colaboración da veciñanza para facilitar o paso da Volta a España por Monforte, evitando estacionar nas marxes das rúas por onde circularán os ciclistas e, na medida do posible, renunciando a utilizar os vehículos nas proximidades das citadas rúas.
Axentes da Policía Local e de Cidadanía serán os encargados de informar á veciñanza sobre outras alternativas para desprazarse en automóbil e de regular o tráfico rodado no casco urbano entre as 13:30 e as 14:30 horas, espazo de tempo preciso para que a etapa da Volta a España discorra con normalidade polas rúas monfortinas.
Dende a concellería de tráfico pídense desculpas polas molestias que puideran ocasionarse.











